A Deputación de Lugo forma ao persoal dos concellos en Sistemas de Información Xeográfica

xoves, 29 de setembro do 2022 S. P.

A Deputación de Lugo, no marco do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a realización da Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais (EIEL), puxo en marcha a quinta edición do Curso de SIX orientado á Xestión Técnica na Administración Local. Esta formación, centrada no uso do programa Quantum GIS (QGIS) e impartida vía telemática, arrancou o 20 de setembro e remata este xoves 29.
Formáronse unha vintena de técnicos e persoal administrativo que, con “carácter habitual ou ocasional”, necesitan obter información de mapas ou xeolocalizar lugares, “sen que sexa necesario que teñan unha formación específica de informática gráfica ou xeográfica”, explicaron fontes da Deputación, engadindo que este curso achegou aos participantes “ás tecnoloxías máis avanzadas no uso e tratamento da información territorial”.
Amais, engadiu a entidade provincial, o fomento desta aplicación permitirá difundir os recursos cartográficos existentes en Internet e na Deputación ou establecer liñas de comunicación máis áxiles e eficaces para o intercambio de información.

PUBLICIDADE