A Deputación de Lugo implantará sistemas de control de presenza en 23 concellos a través do Impulsa TIC
venres, 4 de xullo do 2025
A xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres 4 de xullo vén de licitar por algo máis de 210.000€ a contratación da implantación de puntos de fichaxe e sistemas de control de presenza en 23 concellos da provincia: os que decidiron formar parte desta nova subactuación, que se enmarca na ampliación do programa Impulsa TIC.
Así o informou tras a reunión o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen sinalou que “este novo investimento súmase ós 4,3M€ de fondos europeos que foi quen de captar a Deputación para a transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia”.
Pablo Rivera informou que a través deste contrato dotarase a cada un destes concellos dun sistema que permita realizar un control horario da xornada laboral, a través de puntos de fichaxe físicos; de tarxetas contactless personalizadas para cada empregado; e dunha aplicación web que se poderá instalar desde o móbil, descargando unha ferramenta móbil que permita tamén aos traballadores xestionar os seus permisos, licenzas, ou comunicar incidencias.
A duración do contrato será de dous meses. Para poder acometer esta nova actuación, a Deputación aprobou tamén a solicitude de ampliación do prazo de execución do programa Impulsa TIC ata decembro de 2025, tres meses máis do previsto inicialmente.
A duración deste novo contrato será de dous meses e “servirá para seguir avanzando na transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, a través das distintas iniciativas impulsadas pola Deputación de Lugo”, informou o deputado, engadindo que os fondos investidos ata o momento permitiron, por unha banda, a mellora da eficiencia dos servizos básicos de administración dixital e mellorar a interoperabilidade administrativa; e por outra, conseguir concellos máis resilientes con capacidade de ofrecer servizos electrónicos aos cidadáns, mellorando ademais a transparencia, apertura e accesibilidade municipal.
