A Deputación de Lugo impulsa a dixitalización da Denominación de Orixe Ribeira Sacra
xoves, 11 de setembro do 2025
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves 11 de setembro un acordo de colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que supón, nas súas palabras, “un fito na modernización do sector vitivinícola da provincia”. O acto, celebrado no Pazo de San Marcos, contou coa presenza do presidente do Consello Regulador, Antonio Lombardía Crespo. O acordo permitirá desenvolver ao longo deste ano un ambicioso proxecto de dixitalización destinado a impulsar a innovación, a eficiencia e a competitividade da viticultura da Ribeira Sacra.
A colaboración contempla unha achega económica de 49.800 euros por parte da Deputación, co obxectivo de “fomentar unha transformación tecnolóxica que mellore a competitividade, a eficiencia e a sustentabilidade da viticultura da Ribeira Sacra”.
O proxecto estrutúrase arredor de dúas liñas de traballo complementarias que darán resposta ás necesidades tanto produtivas como administrativas do sector:
1. Rede de estacións meteorolóxicas para a viticultura. Instalaranse 12 estacións meteorolóxicas portátiles, unha en cada concello da provincia de Lugo incluído na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Estes dispositivos, de pequeno tamaño e enerxía autónoma mediante paneis solares, permitirán recoller datos climáticos en tempo real para previr enfermidades da vide, planificar tratamentos fitosanitarios e optimizar custos de produción. A información integrarase en dúas plataformas: por unha banda, no programa FITOVIT, mellorando a precisión das súas predicións; e, por outra, nun sistema propio para viticultores da D.O., que poderán acceder de balde a estes datos e recibir alertas personalizadas. “Isto traducirase nunha viticultura máis eficiente, sostible e rendible, aliñada cos obxectivos europeos de dixitalización e protección ambiental”, sinalou José Tomé.
2. Sistema integral de xestión dixital para o Consello Regulador. Céntrase na aplicación do software ANAWIN, ferramenta que permitirá dixitalizar e automatizar todos os procesos administrativos e técnicos da Denominación de Orixe: rexistros, certificacións, rastrexabilidade, facturación ou comunicación con viticultores e adegas. Entre as innovacións máis destacadas atópase a creación dunha oficina virtual que facilitará a tramitación en liña e incluirá servizos como unha aplicación para catas dixitais, con informes estatísticos automáticos; sinatura electrónica para documentos oficiais; control en tempo real de saldos e movementos de viño; e expedientes dixitais e xestión integral das solicitudes de cualificación, etiquetado e produción. “Este sistema reducirá a burocracia, mellorará a seguridade dos datos e permitirá ao Consello Regulador dedicar máis recursos á promoción e á defensa da marca Ribeira Sacra”, informaron, engadindo que a posta en marcha deste proxecto suporá “un salto cualitativo para as 1.829 viticultoras e viticultores e as 81 adegas da provincia de Lugo que forman parte da D.O. Ribeira Sacra, modernizando a súa actividade e facilitando o acceso a tecnoloxías avanzadas que ata agora estaban fóra do seu alcance”.
Ademais dos beneficios produtivos e económicos, a Deputación subliña que esta iniciativa contribuirá a “fixar poboación no rural, a protexer a paisaxe e a cultura vitivinícola da Ribeira Sacra e a reforzar a proxección internacional dos seus viños, recoñecidos pola súa calidade e singularidade”.
