A Deputación de Lugo impulsa a dixitalización do comercio local de Monforte con preto de 37.000€

venres, 31 de xullo do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo vai impulsar a revitalización do comercio local de Monforten. E farao cunha contía de preto de 37.000 euros e poñendo o foco na súa dixitalización. Así o fixo saber este venres o presidente, José Tomé, durante a sinatura dun convenio coa asociación do Centro Comercial Urbano de Monforte para contribuír á transformación tecnolóxica (e, en consecuencia, á competitividade, á eficiencia e á rendibilidade) dos preto de 150 membros da entidade.
José Tomé Roca e o presidente da asociación do Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos, Juan Carlos González, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio a través do que a institución provincial achega 36.907€ para colaborar co proxecto de dixitalización dos comercios asociados desta asociación. No acto de sinatura tamén participaron a vicepresidenta do Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos, Áurea González Pérez e a vogal, Melanie De la Fuente González.
“Esta axuda que concede a institución provincial é importarte porque contribúe a impulsar o comercio de proximidade na zona sur da provincia”, explicou o presidente, salientando o feito de que chegue “nuns momentos difíciles, nos que se necesita recuperar a confianza na cidadanía e buscar novas fórmulas de promoción e venda que resulten atractivas”.
Tomé Roca explicou que esta achega responde ao compromiso da Deputación de Lugo co apoio aos sectores produtivos da provincia co fin de contribuír a combater os efectos da crise económica provocada pola pandemia, sobre todo nas actividades de servizos. Nesta liña, lembrou que o ente provincial xa puxo en marcha unha campaña, a iniciativa En Lugo, Si, destinada a revitalizar o tecido económico da provincia, o emprego e a actividade das pemes, microempresas e autónomos.

PUBLICIDADE