A Deputación de Lugo impulsa cunha aplicación móbil a recuperación da economía da Ribeira Sacra

mércores, 16 de xuño do 2021 S. P.

A Deputación de Lugo vai apoiar a recuperación da Ribeira Sacra coa mobilización de tecnoloxías avanzadas que fortalezan unha das principais bazas desta contorna do sur da provincia: o turismo. En concreto, a entidade provincial deu impulso á aplicación móbil Turisgalicia Ribeira Sacra, unha guía dixital que permite un acceso rápido e sinxelo a todo o relacionado coa dita contorna: recursos patrimoniais, hostalería, hospedaxe, rutas, actividades e eventos. Foi dada a coñecer este mércores 16 polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a carón das Casitas da Compañía, en Monforte de Lemos.
A institución provincial é a principal patrocinadora desta nova ferramenta para a promoción turística da Ribeira Sacra, que “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”, subliñou José Tomé.
Xunto ao presidente, no acto de presentación participaron a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, alcaldes e representantes municipais dos concellos da Ribeira Sacra, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, ademais de Antía Vázquez Gómez, representante de Turisgalicia. Tamén asistiron os rexedores os municipios implicados: de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela; de Pantón, José Luis Álvarez; de Paradela, José Manuel Mato; da Pobra de Brollón, José Luis Maceda; do Saviñao, Juan Carlos Armesto; de Taboada, Ramiro Moure; a tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada; o tenente de alcalde de Portomarín, Pablo Rivas; e o concelleiro de Cultura de Quiroga, José Luis Rivera.
A aplicación para dispositivos móbiles Turisgalicia Ribeira Sacra contén unha guía de ocio actualizada; unha selección de experiencias de turismo, deportes e ocio; lugares de interese; unha oficina virtual de turismo; un apartado específico sobre o Camiño de Santiago con todos os recursos para o peregrino; unha relación de adegas e rutas e outra relación de centenares de empresas.
Segundo fixeron saber os seus impulsores, os seus contidos serán actualizados cada pouco con novas actividades e propostas e información dos concellos da Ribeira Sacra.
Incorpora tamén un sistema de xeolocalización que permitirá coñecer de xeito instantáneo os recursos turísticos máis próximos e como chegar a eles. Ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños e veciñas, xa que integra un apartado de información municipal.
Está dispoñíbel en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos Android e Apple.
O presidente da Deputación subliñou que esta ferramenta dixital de promoción turística da que a institución é principal patrocinadora “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”. Explicou Tomé Roca que “nesta app, os usuarios e usuarias poden encontrar, de forma sinxela, lugares, monumentos, rutas, paisaxes da Ribeira Sacra para visitar, pero tamén para aloxarse e para comer, o que repercutirá de xeito directo na súa actividade”.
José Tomé lembrou que, precisamente “nesta liña de contribuír a reactivar a actividade turística, hostaleira e comercial dunha maneira estábel e eficaz”, tamén “temos en marcha outra serie de medidas, como, por exemplo, os Bonos Impulso, descontos de 30€ para un consumo igual ou superior a 60€ en establecementos de toda a provincia, que xerarán un volume de negocio estimado de 1,5M€”. Os Bonos Impulso, lembrou, poderán solicitarse ata o vindeiro luns, 21 de xuño.
Para dar a coñecer a ferramenta móbil, divulgarase en canles dixitais, redes sociais e Internet e distribuirase información sobre ela cun código QR en hoteis, restaurantes e oficinas de turismo dos concellos da comarca. Tamén haberá folletos informativos en albergues ao longo de todo o Camiño de Inverno, que abrangue máis de 200 quilómetros, dende Ponferrada ata Santiago. Difundirase en medios de comunicación, estará visíbel en vallas publicitarias da Ribeira Sacra e presentarase en feiras e encontros de turismo.

PUBLICIDADE