A Deputación de Lugo impulsará a eAdministración nos concellos da provincia

martes, 19 de febreiro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo, da man do seu presidente, Darío Campos, presentará no vindeiro pleno provincial o seu Plan Único 2019, un programa estratéxico de actuacións que teñen o nexo común de impulsar e transformar os servizos e prestacións públicas que reciben os máis de 330.000 veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia. Segundo fixo saber o titular do Goberno lucense, o plan vén cun orzamento de 21 millóns, que se empregarán en novas obras para instalacións municipais, servizos sociais, emprego, iniciativas turístico-deportivo-sociais, protección e, tamén, o que se coñece como Administración Electrónica (a modernización dos servizos que as entidades públicas achegan á cidadanía, achegando máis eficiencia, rendibilidade, seguridade, comodidade e axilidade).
Na proposta presentada por Campos Conde distribúense os 21 millóns nos 67 municipios en base aos seguintes criterios obxectivos: poboación, superficie, núcleos poboacionais e taxa de envellecemento. Isto supón máximos de 500.000 euros en Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba e Sarria, e mínimos duns 200.000 en Negueira de Muñiz, Rábade ou Triacastela.
Nas bases estipúlase que os concellos deberán destinar como mínimo o 50% dos fondos que lles corresponden a investimentos, o que implica que cando menos 10,5 millóns de euros sexan para novas melloras nas instalacións públicas municipiais (acondicionamento de accesos, estradas, rúas, instalacións deportivas ou culturais, traídas de auga, alumeados públicos...).
Amais, os gobernos locais terán que destinar un mínimo de 1,5 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar a persoas non dependentes. Os restantes 9 millóns de euros poderán destinarse a máis obras, máis servizos sociais ou ao financiamento de actividades turísticas, deportivas, culturais, grupos de protección civil ou á devandita Administración Electrónica.

PUBLICIDADE