A Deputación de Lugo introduce novidades tecnolóxicas no seu servizo de teleasistencia no fogar
venres, 11 de outubro do 2019
A
xunta de
Goberno da Deputación da Lugo aprobou hoxe abrir o procedemento para
contratar o servizo de teleasistencia domiciliaria que ofrece de
balde a entidade provincial á veciñanza de 67 concellos. O novo
contrato suporá un investimento de 750.000 euros e terá unha
duración de dous anos. Implica o incremento de número de prazas
ofertas nun 13%, até chegar ás 1.795. Tamén implica a posta en
xogo das máis avanzadas tecnoloxías de seguimento, control e
comunicación. Estes e outros datos foron achegados pola voceira
socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.
Segundo
fixo saber, o novo prego contempla cousas diversas o fornecemento
gratuíto de unidades de control remoto adicionais; de 48
dispositivos periféricos vinculados ao terminal de teleasistencia
(detectores de caídas, de gas, de fumes, de movemento e de
presencia), incluíndo a súa instalación, mantemento e prestacións
vinculadas aos mesmos; e de 48 terminais de teleasistencia móbil que
conten cun sistema de xeolocalización e monitoraxe, que permitan a
emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria. Tamén están
incluídos aparellos que faciliten o uso do servizo a persoas con
dificultades de comunicación verbal ou auditiva (dispositivos
móbiles con software específico que posibiliten á persoa usuaria
activar unha alerta no centro de atención de forma sinxela). Todas
estas melloras non estaban contempladas no contrato do 2013.
A
voceira provincial socialista subliñou que o servizo de
teleasistencia é unha prestación que garante atención as 24 horas
do día e os 365 días do ano a todos os maiores da provincia con
dificultades na súa autonomía, favorecendo “a permanencia e a
integración no entorno familiar e social das persoas usuarias deste
servizo, sobre todo dos que viven no rural”. Grazas a esta
iniciativa, dixo “os usuarios e os seus familiares viven con máis
tranquilidade, pois saben que contan cun sistema de chamada en
situacións de emerxencia”, indicou.