A Deputación de Lugo investirá 1,2 millóns de euros nas comunicacións da institución

venres, 4 de outubro do 2024 S. P.

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación para o mantemento e a ampliación do servizo de comunicacións da institución provincial cun investimento de algo máis de 1,2 millóns de euros. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que “neste contrato inclúese a telefonía fixa, móbil e o acceso a Internet das diferentes dependencias da Deputación”.
García Porto tamén salientou que “con este acordo tamén garantiremos a conectividade en edificios de maior complexidade como o Museo Fortaleza San Paio de Narla ou no Museo do Mar, entre outros”. Engadiu que esta contratación “permitirá que os traballadores e traballadoras da institución provincial desenvolvan o seu labor nas mellores condicións posibles. Ofrecendo así un servizo á cidadanía máis áxil, próximo e eficiente”.
Por último, recordou que o contrato terá dous anos de duración e poderán prorrogarse por dous anos máis. Nesta liña, a Voceira socialista do Goberno lembrou que “o acordo actual de servizos de comunicacións finalizará o 31 de xaneiro de 2025, polo que o novo entrará en vigor a partir do 1 de febreiro do ano que vén”.