A Deputación de Lugo inviste 5,5 millóns en programas de transformación tecnolóxica nas empresas

venres, 13 de outubro do 2023 S. P.

Esta semana presentáronse en Lugo novas estratexias para fomentar a transformación tecnolóxica das pequenas e medianas empresas na provincia: as estratexias do programa de formación Xeración Dixital Pemes. No acto, de cuxas liñas xenéricas dimos conta en Código Cero, fíxose saber o programa está a ser xestionado e impulsado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e o Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), e que conta co financiamento do Goberno de España.
Na cita, que tivo lugar no salón de actos da CEL, participou o presidente da Deputación, Tomé Roca, que destacou o valor da dixitalización para a competitividade empresarial da provincia e subliñou, nese sentido, “que a institución provincial inviste uns 5,5M€ en diferentes programas para mellorar nesta competencia, tanto dirixidos ao empresariado, como ás administracións locais”.
Na presentación tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o secretario xeral da CEL, Jaime López; e o presidente da escola de negocio de CESUGA, Venancio Salcines.
No seu transcurso, o presidente provincial lembrou que o ano pasado a Deputación de Lugo desenvolveu o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, en colaboración coa Escola de Organización Industrial, que depende do Ministerio de Industria, “a través do que ofrecemos asesoramento gratuíto a unhas 500 pequenas e medianas empresas da provincia en materia de dixitalización”.
Engadiu que, dende principios deste ano 2023, “estamos desenvolvendo, tamén co apoio do Goberno do Estado, o programa Acelera PEME, grazas ao que xa asesorou a máis de 1.200 empresas e autónomos para mellorar o seu negocio con ferramentas dixitais” e, paralelamente, a institución provincial fomenta a dixitalización dos concellos da provincia con fondos europeos transferidos polo Ministerio de Política Territorial. E engadiu: “É unha satisfacción ver como xorden novas iniciativas que reforzan e amplían todo este traballo, co respaldo do Goberno do Estado, e da man do propio tecido produtivo, representado pola Confederación de Empresarios de Lugo, e de CESUGA”. Iniciativas que, segundo apuntou, “contribúen de maneira moi importante a fortalecer e a diversificar o tecido empresarial da provincia, a gañar competitividade e produtividade, e a abrir novos mercados. Polo tanto, a xerar máis riqueza e emprego”.
“Competir nos mercados globais esixe ás empresas unha actualización permanente das súas competencias dixitais, un proceso que resulta máis complexo para as pequenas e medianas empresas. Por iso, hai unha parte moi importante dos fondos europeos dedicados a este obxectivo”, destacou o presidente, que puxo o acento en que para ser efectivos “non abonda con que os fondos europeos cheguen”, senón que “deben xestionarse con transparencia e con dilixencia, garantindo que chegan aos sectores que o precisan e que serven aos obxectivos para os que foron creados”.
“As empresas e autónomos da provincia saben que sempre contan coa man tendida da Deputación”, recalcou o presidente, quen sinalou que a institución provincial –que achega á CEL 40.000€ este ano- seguirá apostando “sempre pola modernización do noso tecido produtivo e por todas as accións formativas que melloren a competitividade das empresas, porque iso favorece o desenvolvemento social e económico da provincia, o obxectivo prioritario que temos marcado na Deputación de Lugo”.

PUBLICIDADE