A Deputación de Lugo lanza unha app gratuíta de emprego para conectar oferta e demanda
luns, 14 de abril do 2025
A Deputación de Lugo lanzou este mes de abril a aplicación móbil gratuíta DeputaciónLugo Emprego, e fíxoo co obxectivo de “facilitar o contacto entre persoas que buscan traballo e empresas que precisan incorporar persoal na provincia”. A ferramenta, que está xa dispoñíbel para iOS e para móbiles con sistema Android, supón en palabras da institución provincial “un avance na modernización dos servizos públicos de intermedación laboral que a institución provincial ofrece a través da súa Axencia de Colocación”.
Segundo engade a Deputacion, a ferramenta permite aos demandantes de emprego xestionar os seus perfís profesionais de “forma áxil” e “acceder de maneira inmediata ás ofertas de traballo publicadas pola Axencia de Colocación”. Ao mesmo tempo,” axuda ás empresas a axilizar a publicación das súas ofertas e mellorar os procesos de selección, adaptándoos mellor ás súas necesidades para atopar o persoal máis adecuado”.
Esta aplicación tamén responde a dous dos grandes retos do mercado laboral: o desemprego e a falta de persoal cualificado nas empresas. Permite ás persoas atopar traballo en Lugo e facilita que as empresas cubran as súas vacantes con candidatos cualificados, favorecendo a fixación de poboación no territorio.
A nova ferramenta forma parte da aposta da Deputación de Lugo pola innovación tecnolóxica e a modernización dos servizos públicos para facilitar o acceso ao emprego e fomentar a contratación local.
Respecto de como comezar a tirarlle proveito, as persoas que buscan traballo poden rexistrarse facilmente, subir o seu currículo e configurar o seu perfil profesional, recibindo alertas personalizadas con ofertas adaptadas aos seus intereses. Poden inscribirse de maneira rápida nas ofertas que lles interesen.
Pola súa parte, as empresas poden publicar as súas ofertas de emprego de maneira sinxela, aumentar a visibilidade das súas vacantes e recibir candidaturas filtradas e adaptadas ás súas necesidades, mellorando a xestión dos procesos de selección.
A Deputación de Lugo lembra tamén que conta cun servizo público de inserción laboral na provincia que ofrece gratis aos veciños e veciñas, empresas e colectivos lucences de toda a provincia. O seu obxectivo é “inserir no mercado laboral da provincia aos lucenses que busquen traballo, tanto aos que estean no paro como a aqueles que queiran mellorar a súa situación laboral como nas empresas ou entidades que estean a buscar novos traballadores e contribuír á xeración de novas entidades, axudando aos emprendedores”.
Conta cunha oficina presencial no Pazo de San Marcos, con horario de luns a venres dende as 09:00 horas ás 14:00 horas, onde axentes de emprego do organismo provincial atenden dende hoxe, de xeito persoal e individual, ofrecendo asesoramento, ás persoas que busquen traballo, ás que desexen mellorar a súa situación laboral ou ás que queiran emprender. Tamén se presta este servizo aos representantes de entidades ou asociacións da provincia que estean a buscar novos traballadores, orientándoos sobre os perfís que requiren, tendo en conta as súas necesidades, para mellorar ou ser máis competitivos.
Ademais desta oficina presencial, está operativa unha plataforma web na que se pode trasladar á Deputación toda esta información. Tamén se pode acceder á mesma dende a web da institución provincial, pois hai un banner de enlace directo.