A Deputación de Lugo licita por 1,26 millóns de euros a posta en marcha do Xeopadrón nos 67 concellos

venres, 24 de xaneiro do 2025 S. P.

A xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres 24 de xaneiro sacar a licitación do contrato por un importe de 1.260.000 euros para poñer en marcha o proxecto Xeopadrón. Así o anunciou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que este proxecto de “modernización e dixitalización é un paso máis cara o proceso de transformación no que levamos traballando anos desde a Deputación, en colaboración cos concellos”, melloras que van destinadas a optimizar a xestión administrativa e a prestación de servizos públicos.
Rivera Capón indicou que este proxecto que a institución provincial desenvolverá con fondos europeos captados do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ten por obxectivo concreto “mellorar a calidade e a fiabilidade dos datos do padrón facendo posíbel a súa revisión e depuración a través dun novo sistema de xestión”.
Engadiu que “este sistema posibilitará contrastar os datos do padrón de cada concello sobre os habitantes empadroados e as súas vivendas coas bases de datos do Instituto Nacional de Estadística. Deste xeito, o INE contará cunha información depurada, contrastada, veraz e actualizada en relación aos habitantes de cada municipio”, apuntou o Deputado.
O proxecto terá unha duración estimada de sete meses, cun compromiso de soporte e mantemento de seis meses tras a súa finalización, o que garantirá a sostibilidade e a calidade dos resultados a longo prazo.
Ademais, salientou que “a posta en marcha de Xeopadrón representa un avance importante cara ao futuro Padrón Online, unha iniciativa do INE que permitirá crear unha base de datos xeorreferenciada de vivendas e fogares”.