A Deputación de Lugo modernizará o padrón dos 67 concellos da provincia cun investimento de 1,2 millóns de euros

martes, 10 de decembro do 2024 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes 10 de decembro, no Pazo de San Marcos, un convenio de colaboración cos alcaldes e alcaldesas de toda a provincia para modernizar o padrón municipal dos 67 concellos do territorio: unha iniciativa para a que a institución provincial conta con 1,2 millóns de euros que conseguiu do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia que o Goberno central ten en marcha cos fondos da UE. O proxecto para dixitalizar os rexistros e adaptalos aos novos tempos chámase Xeopadrón.
En presenza da práctica totalidade dos responsábeis municipais e o deputado de Promoción Económica e social, Pablo Rivera Capón, Tomé explicou que a través do Xeopadrón “poñemos en marcha un novo sistema de xestión da información sobre os territorios de ámbito municipal que beneficiará, de maneira directa, aos 67 concellos da provincia”. Un programa para a modernización dos padróns que, segundo detallou o mandatario provincial, consistirá en revisar os datos do padrón que ten cada concello e contrastalos cos que ten o Instituto Nacional de Estadística (INE).
“Estamos falando dun servizo tecnolóxico que servirá para preparar o camiño cara o proxecto de Padrón Online que está a desenvolver o INE a través de dúas cuestións: crear unha base de datos xeorreferenciada de vivendas e fogares, e revisar e depurar a información padroal municipal do INE”, avanzou Tomé Roca.
Explicou tamén o presidente que esta liña de axudas “vén completar o camiño de modernización e transformación dixital das administracións locais que iniciamos co Impulsa TIC, que está executado ao 100%. Unha iniciativa para a que captamos o ano pasado máis de 4 millóns de euros e que levamos a cabo nos 52 concellos que decidiron sumarse voluntariamente”. Con cargo a este programa, sinalou que se levaron a cabo actuacións tan relevantes como integrar a Administración Electrónica dos concellos cos servizos da Administración Xeral, implantar postos de traballo intelixentes, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro. Puxo como exemplo a implantación dun sistema de gravación nos plenos municipais, para os que se instalaron 50 cámaras e máis de 400 micrófonos nos concellos de toda a provincia, ou a renovación de equipamentos informáticos coa compra de 114 ordenadores, máis de 640 pantallas ou máis de 100 tabletas.