A Deputación de Lugo organiza coa CEL un foro para incentivar a innovación empresarial na provincia

venres, 12 de xaneiro do 2024 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron este venres no Pazo de San Marcos o Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo. Unha iniciativa, organizada de forma conxunta entre ambas entidades, que Tomé Roca enmarcou na “colaboración que mantemos para favorecer a actividade económica e a creación de emprego na nosa provincia”.
O encontro celebrarase o vindeiro xoves, 18 de xaneiro, a partir das 10:00 horas, no Centro do Viño de Monforte de Lemos. Nel, relatou Tomé, “contaremos con relatores de referencia para abordar o que xa se está facendo e os retos de futuro en tres ámbitos: infraestruturas, en canto á creación de polos industriais no rural, e no relativo a proxectos empresariais e o seu impacto demográfico”.
O presidente lembrou que “na Deputación de Lugo témolo claro, levamos moito tempo traballando nesta liña de apoio aos sectores produtivos, nomeadamente, o primario, no que somos unha auténtica potencia, e o do turismo, de calidade e sustentábel, que ten unha gran capacidade para xerar riqueza no rural”. Respecto do concello de Monforte, no que é alcalde, recordou que o seu Goberno conseguiu asentar proxectos industriais de primeiro nivel como o de Kern Pharma e o Centro de Ciberseguridade de Renfe, ademais de facer unha aposta “moi importante” polo polígono industrial. “De feito, logo de anos totalmente estancado, hoxe non hai parcelas e xa estamos traballando para amplialo a máis do dobre da súa extensión para atender a demanda”, expuxo.
Jaime López sinalou que “Monforte é o nó loxístico de Galicia” e nese sentido apuntou “a vontade dos empresarios de colaborar co Concello monfortino na súa labor de converter esta cidade nun polo de desenvolvemento industrial”. Falou da necesidade de impulsar infraestruturas “da rede básica” como o Porto Seco, da que lamentou o seu estado de “abandono” por parte de quen capitaliza ese proxecto.

PUBLICIDADE