A Deputación de Lugo organiza unha xornada sobre transparencia e acceso aos datos nos concellos

mércores, 13 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

O deputado Argelio Fernández na presentación do encontro

A Deputación de Lugo quere fomentar o coñecemento sobre innovación aplicada ao goberno: a gran listaxe de vantaxes que poñen en xogo as novas tecnoloxías para facermos unha mellor xestión pública e para que esta sexa compartida e visíbel por parte da cidadanía. Por estas e outras razóns (por exemplo que se coñezan detalles importantes sobre as obrigas das entidades locais con respecto á información), vai organizar a sétima edición do Encontro Provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos. Segundo fixo saber hoxe o deputado Argelio Fernández Queipo, o evento xirará arredor da transparencia e o acceso a información no ámbito local. Este xornada celebrarase o día 19 de outubro no salón de actos do Pazo de San Marcos.
Fernández Queipo avanzou que o programa está centrado “na importancia da transparencia e o acceso aos datos públicos nas entidades locais”. O encontro, dixo, ten a súa orixe na necesidade de dar resposta ás demandas dos concellos en materia de novos xeitos de administrar e novos xeitos de manexar e obter datos (facendo fincapé en cuestións como privacidade, seguridade, visibilidade). “Dende o Goberno da Deputación entendemos que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os piares de calquera acción política”, explicou.
O Deputado remarcou que nesta xornada participarán dous expertos de recoñecido prestixio, como son os catedráticos de Dereito Administrativo, Emilio Guichot Reina da Universidade de Sevilla; e Oriol Mir Puigpelat da Universidade Pompeu Fabra, autores de numerosos estudios sobre este asunto.
Segundo engadiu nun plano máis detallado, ao longo do encontro debaterase sobre as normativas de transparencia e sobre protección de datos, amais de abordar cuestións complementarias como o límites do dereito de acceso ao coñecemento, así como a publicidade activa nas entidades locais e o dereito de acceso á información pública. Por último analizarase a normativa de transparencia e a dispoñibilidade da información municipal en relación cos concelleiros.
Esta edición está dirixida a representantes institucionais, como secretarios, interventores, tesoureiros ou outros traballadores das administracións locais. Todos os interesados terán en www.deputacionlugo.gal, a partir do día 2 outubro un espazo habilitado co formulario e a información para anotarse. O prazo remata o 13 de outubro. Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia.
Programa da xornada
Mañá
9:15h.- Recepción dos asistentes e entrega da documentación.
9:30h.- Apertura do Encontro. Intervención de Darío Campos Conde, presidente da Deputación de Lugo e de Argelio Fernández Queipo, deputado delegado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Medio Ambiente.
10:00h.- Relatorio: As normativas sobre transparencia e sobre protección de datos. Panorámica e reformas. Emilio Guichot Reina. Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Sevilla.
11:30h.- Pausa.
12:00h.- Relatorio: Os límites do dereito de acceso. En especial, a protección de datos persoais. Emilio Guichot Reina. Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Sevilla.
13:30h.- Relatorio: A publicidade activa nas entidades locais. Emilio Guichot Reina. Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Sevilla.
Tarde
16:30h.- Relatorio: O dereito de acceso á información pública: suxeitos, procedemento e garantías. Oriol Mir Puigpelat. Catedrático acreditado de Dereito Administrativo da Universidade Pompeu Fabra.
17:30h.- Relatorio: A normativa sobre transparencia e o acceso dos concelleiros á información. Oriol Mir Puigpelat. Catedrático acreditado de Dereito Administrativo da Universidade Pompeu Fabra.
18:30h.- Clausura. Intervención de Darío Campos Conde, presidente da Deputación de Lugo e de Argelio Fernández Queipo, deputado delegado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Medio Ambiente.

PUBLICIDADE