A Deputación de Lugo pon a disposición dos concellos recursos para traballar telematicamente

luns, 6 de abril do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo anunciou esta fin de semana que vai poñer a disposición dos 67 concellos unha serie de recursos para poderen seguir desenvolvendo a súa actividade de xeito telemático. En termos máis concretos, a entidade provincial bríndalles asistencia técnica, asesoramento e colaboración. O obxectivo é que poidan celebrar a distancia plenos, xuntas de goberno e órganos colexiados en xeral, botando man das novas tecnoloxías e garantindo deste xeito a operatividade en Estado de Alarma e, tamén, as máximas medidas de seguridade e protección derivadas da crise sanitaria.
Trátase dun novo servizo gratuíto de cooperación cos municipios baixo demanda a través do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación de Lugo. Segundo fixo saber o presidente José Tomé, “queremos facilitar a xestión municipal con total garantía e seguridade nesta situación de crise sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19”.
Tomé tamén tivo palabras para salientar os bos resultados acadados co pleno telemático que se celebrou o 3 de abril, o primeiro na na historia da Deputación de Lugo que se desenvolve pola vía telemática. Agora, a institución provincial ofrece aos concellos “o mesmo protocolo de desenvolvemento operado polo servizo de Novas Tecnoloxías”. Segundo fixo saber, funciona a través dunha aplicación de videoconferencias na Rede que permite conexións entre todo tipo de dispositivos (ordenadores de sobremesa e portátiles, teléfonos móbiles ou tabletas). “Trátase”, dixo, “dunha ferramenta doada de usar e intuitiva”.
Cada particularidade
O servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación estudará a particularidade de cada consistorio solicitante e recomendaralle a solución tecnolóxica “máis acorde coas súas características e medios dispoñíbeis. Tomé sinalou que estanse a ofertar varias opcións de colaboración, dende só asesoramento ata facer un seguimento de toda a sesión e a retransmisión por streaming a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.
Con esta nova medida, a Deputación continúa adoptando as decisións ao seu alcance para “cooperar cos concellos na loita para paliar os efectos da crise sanitaria, axudándolles a que podan seguir traballando, coa maior normalidade posíbel, en todos aqueles trámites que teñen como obxectivo a mellor atención á veciñanza.
O soporte técnico ofrecido pola Deputación permite ós concellos que poidan continuar celebrando, “de maneira segura e eficaz”, todas aquelas sesións de órganos colexiados que resultan importantes ou mesmo imprescindíbeis “para sacar adiante trámites, procedementos ou medidas que inciden no benestar da cidadanía e no impulso da actividade económica do municipio”, explicou o presidente, engadindo que a Deputación responde con esta iniciativa á súa función esencial como “Concello dos Concellos”, un instrumento clave de cooperación e integración.
Tomé tamén dixo que a asistencia para celebrar órganos colexiados vía telemática súmase á que “xa vén ofrecendo a Deputación de maneira habitual en materia xurídica, de recursos humanos ou económico-financeira, entre outras moitas liñas de colaboración”.

PUBLICIDADE