A Deputación de Lugo premiará as mellores contribucións tecnolóxicas ao turismo

martes, 7 de xullo do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo abre este mércores o prazo de presentación das candidaturas aos premios Lugo Cambia de turismo e hostalería. Os galardóns veñen con dúas modalidades: o premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense e o premio ...E Para Comer, Lugo á Gastronomía Lucense, que buscan “recoñecer e poñer en valor o traballo feito por persoas, entidades ou institucións a favor da promoción turística da provincia, así como as actuacións innovadoras no mundo da hostalería”. Na primeira das modalidades valoraranse proxectos tecnolóxicos que contribúan a achegar innovación nos mecanismos para atraer visitantes e mantelos no tempo, ao tempo que xeran riqueza e impulsan a conservación do medio.
A estes premios poderán optar as persoas físicas ou xurídicas, a título individual ou colectivo, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das dúas modalidades destas distincións, que teñen carácter honorífico e que consistirán, neste primeiro, ano nun diploma acreditativo e nun agasallo.
O prazo para presentar as candidaturas remata o vindeiro 21 de agosto. As bases dos premios pódense consultar na área de turismo da web da Deputación.
Para máis información pódese contactar no enderezo electrónico turismo@deputacionlugo.org ou no número de teléfono 982.26.01.20.
Os premios serán entregados nun acto público o 27 de setembro, Día Mundial do Turismo.
Os premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense recoñecerán a dedicación e traxectoria profesional exemplar de profesionais, colectivos, institucións ou empresas turísticas ou o labor que desenvolvan persoas físicas en calidade de embaixadoras da provincia de Lugo. Tamén premiarán o desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos singulares, novos ou de éxito, de accións de promoción innovadoras ou de iniciativas ligadas ao turismo sustentábel ou responsábel así como a actuacións que contribúan á accesibilidade, física ou intelectual, aos recursos turísticos da provincia de Lugo e accións en materia de recuperación de bens do patrimonio cultural ou natural e embelecemento da paisaxe ou do medio rural ou urbano. Baixo esta modalidade tamén poden optar ao premio traballos en prol da calidade turística, traballos de investigación turística e publicacións científicas ou xornalísticas ou a creación de ferramentas TIC que repercutan positivamente na experiencia das persoas visitantes ou na xestión das empresas turísticas.
Os premios …E para comer Lugo á gastronomía lucense recoñecerán o traballo ou traxectoria exemplar de profesionais, colectivos ou empresas de hostalería, o labor de asociacións produtoras, empresas de restauración, consellos reguladores ou outras entidades na promoción dos produtos autóctonos lucenses.

PUBLICIDADE