A Deputación de Lugo presenta en Barcelona a súa proposta para aplicar a IA no ámbito local
martes, 4 de novembro do 2025
A Deputación de Lugo presentou este martes 4 de novembro en Barcelona a súa proposta para incorporar a intelixencia artificial (IA) á xestión municipal durante a xornada estatal Local.IA: despregamento de casos de uso, organizada pola Deputación catalá e que reúne ata este mércores 5 a representantes de administración locais de todo o Estado.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, expón neste encontro o traballo que está a habilitar a Deputación de Lugo para explorar as posibilidades da IA no ámbito local, detallando as primeiras experiencias piloto que a institución provincial está a desenvolver: aplicacións de IA para transcrición automática, clasificación documental e mellora de procesos administrativos. “En Lugo estamos a dar os primeiros pasos para entender como a intelixencia artificial pode mellorar os servizos que prestamos aos concellos da provincia, sempre desde unha perspectiva prudente e realista", subliñou o deputado.
A Deputación lucense foi convidada a este foro nacional como caso de referencia en innovación pública, pola súa aposta por solucións de software libre e soberanía do dato. O modelo lucense, explicou o deputado, diríxese a “evitar a dependencia de provedores privados e facilita que cada concello poida adaptar ou escalar as ferramentas segundo as súas necesidades”.
A participación da institución provincial na xornada permitiu establecer novas alianzas con outras administracións que xa están aplicando IA en procesos como atención á cidadanía, xestión interna ou automatización de trámites. “Modernizar o mundo local require cooperación e aprendizaxe conxunta e de colaboración entre administracións”, sinalou o deputado, engadindo que “Lugo está preparada para liderar este cambio desde unha perspectiva realista e responsable.”
O deputado de Promoción Económica e Social anunciou tamén que a institución provincial continuará traballando na definición da súa estratexia de IA, que buscará ofrecer solucións prácticas e accesibles para os 67 concellos da provincia.
