A Deputación de Lugo reinicia a formación dos técnicos locais no uso de SIX

mércores, 3 de xuño do 2020 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo reiniciou de maneira telemática a formación de técnicos municipais de toda a provincia no uso do Sistema de Información Xeográfica (SIX). Trátase dun curso de capacitación gratuíto impartido por técnicos da Universidade de Santiago de Compostela, de 30 horas de duración. A actividade formativa, orientada á xestión na Administración local, comezara de forma presencial a principios do mes de marzo, pero interrompeuse pola declaración do Estado de Alarma.
Preto de 15 persoas participan neste curso da institución provincial, que forma parte do convenio dun colaboración coa Universidade de Santiago. Segundo informa a Deputación, está destinado ao persoal dos concellos que precise “obter información de mapas sen que sexa necesario dispoñer de coñecementos especiais de informática gráfica ou xeográfica”, introducindo aos traballadores nas máis avanzadas tecnoloxías de xestión da información territorial, nos recursos cartográficos existentes en Internet e na Deputación, e na creación de SIX municipais. Tamén se dirixe a crear liñas de comunicación máis áxiles e eficaces para o intercambio de información territorial.

PUBLICIDADE