A Deputación de Lugo retoma as visitas formativas ao SdeA, nas que xa participaron máis de 9.000 estudantes

mércores, 11 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO do IES Perdouro de Burela inauguraron hoxe a oitava tempada do programa de visitas didácticas ao Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo (a antiga Fundación TIC), destinado principalmente a estudantes de Primaria e Secundaria de toda a provincia (aínda que tamén está aberto ao alumnado da USC Sénior e a grupos de maiores). O dito programa abrangue un itinerario polos departamentos do Centro de Produción Audiovisual do SdeA que ten o obxectivo de mostrar “dun xeito entretido” o traballo que desenvolve o servizo.
A iniciativa é unha proposta aberta e participativa: o programa de visitas está concibido para que o alumnado e o profesorado se impliquen activamente nas mesmas, a través da presentación e da realización dun informativo de televisión (Ticodiario), que esta tempada inclúe unha noticia sobre a Ribeira Sacra como candidata a ser declarada ben Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Durante a experiencia de hoxe, os estudantes do IES Perdouro pasaron por todas as seccións do centro: arquivo, redacción, produción, sala de cámaras, salas de edición, cabina de off, mesas de realización e de son e platós. Amais, recibiron explicacións sobre as actividades do SdeA por parte dos profesionais de cada departamento.
A vertente máis dinámica chegou da man do devandito Ticodiario, en cuxa realización puideron levar á práctica o aprendido previamente. A través desta iniciativa tiveron ocasión de coñecer como é comunicar novas reais, enquisas feitas polos propios estudantes e información meteorolóxica co emprego dun croma. Ao remate desta experiencia cada participante recibiu un USB cunha copia do programa. Tamén se lles puxo ao tanto da oferta dos ciclos de FP de realización e produción que imparte o Centro de Formación do SdeA, que, segundo lembra a Deputación de Lugo, “é o único da provincia con ensinanzas superiores da rama audiovisual”.
Máis de 9.000 visitantes
A institución provincial continúa así o labor de achegar as novas tecnoloxías á sociedade lucense, neste caso, aos escolares dos centros de Primaria e Secundaria, logo do “rotundo éxito das pasadas edicións”, explicou a Deputación, engadindo que nas sete primeiras tempadas logrouse o fito de atraer a máis de 9.000 persoas polo SdeA para participar nesta iniciativa. Por este motivo foi necesario ampliar a dous o número de visitas á semana co obxectivo de atender a alta demanda.
Todos os colexios e institutos da provincia interesados en participar nestas visitas poden apuntarse na sede co Centro de Formación Audiovisual, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n, ou chamando ao número de teléfono 982284667.

PUBLICIDADE