A Deputación de Lugo segue a impulsar nos concellos os empregos TIC

luns, 28 de agosto do 2017 Redacción

O venres 25 de agosto a Deputación de Lugo fixo reconto do emprego xerado pola institución provincial ao longo dos últimos tres meses no conxunto do territorio lugués. O balance veu da man do voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos. Segundo fixo saber creáronse 210 novos postos de traballo ao longo do devandito período. Esta actividade a prol da reactivación laboral artellouse a través de dúas iniciativas da Deputación, Ben Empregado 3 e DepuEmprego 2, arestora en activo. Por certo que unha parte importante dos empregos xerados a través destes programas (en empresas, entidades, colectivos sociais e concellos de todas as comarcas provinciais) tiñan novamente relación coas novas tecnoloxías da información e a electrónica. O obxectivo xeral da institución que preside Darío Campus é “combater o paro así como reforzar o fornecemento de servizos públicos en todos os concellos, especialmente en zonas rurais”.
Santos Ramos explicou que dos 210 novos postos, 129 son do Ben Empregado 3 e 81 do DepuEmprego 2. Ademais, engadiu que “representan o 46% da oferta de emprego que poremos a disposición de todos os lucenses mediante estas dúas programacións de xeración de emprego directa na provincia”. De feito, o obxectivo é impulsar co primeiro programa 150 empregos e co segundo 300. “Facémolo con 6,1 millóns de euros, cos que financiamos os custos laborais destes 450 novos traballadores nos 67 Concellos da provincia”, explicou, engadindo que nas vindeiras semanas, ofreceranse os restantes 240 postos de traballo.
Nas comarcas de Chantada, Quiroga e Lemos, a entidade provincial leva xerado nos últimos 90 días un total de 36 novos empregos en 9 concellos. Inclúense, entre os profesionais formados e incorporados ao mercado laboral, comunity managers, comerciais, peóns forestais, camareiros, limpadores ou coordinadores de proxectos transmedia, entre outros.
Na Comarca de Lugo, o Goberno Provincial creou nos últimos 90 días un total de 36 novos empregos en 5 municipios. Inclúense, entre outros, técnicos asesores, comerciais, recepcionistas, técnicos superiores en mercadotecnia e publicidade, comunity managers, técnicos informáticos, auxiliares administrativos, reporteiros de axencias de información, técnicos de medio ambiente, electricistas ou traballadores sociais.
Na Comarca da Mariña, a Deputación leva xerado nos últimos 90 días un total de 33 novos empregos en 12 concellos. Na listaxe de postos xerados hai peóns de xardinería, cociñeiros, técnicos forestais, biólogos ou auxiliares administrativos.
Na Comarca da Terra Chá, impulsáronse nos últimos tres meses un total de 33 novos empregos en 10 concellos. Entre estes novos empregos inclúense (entre outros moitos) mecánicos, auxiliares de produción en viveiros, carpinteiros metálicos e (novamente) community managers.
Polo que respecta ás comarcas da Montaña e da Ulloa, xeráronse un total de 34 novos empregos en 10 concellos e 27 postos en 3 municipios, respectivamente. No que atinxe á Sarria e a súa contorna, impulsáronse 11 novos empregos en cinco concellos.

PUBLICIDADE