A Deputación de Ourense achegará capacitación dixital a 6.000 persoas do ámbito rural

xoves, 30 de outubro do 2025 S. P.

A Deputación de Ourense arranca no mes de novembro a execución do Programa Ourense Reto Rural Dixital, que ten como obxectivo principal a capacitación tecnolóxica de 6.000 persoas do ámbito rural da provincia de Ourense.
A institución provincial, como entidade beneficiaria da axuda da iniciativa estatal Reto Rural Digital para proxectos de capacitación dixital en contornas non urbanas (Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia), conta xa coa adhesión de 67 municipios da provincia onde desenvolver o programa e tamén coa adhesión de 17 asociacións de interese social no eido de prestar servizos a cidadanía.
A día de hoxe a Deputación segue en contacto cos 25 concellos que aínda non asinaron a adhesión co obxecto de integralos no programa de forma inminente.
O Programa Reto Rural Digital ten como obxectivo “o desenvolvemento de programas formativos de capacitación dixital nas zonas de prioridade demográfica, (provincia de Ourense), orientadas fundamentalmente aos seguintes colectivos: persoas maiores, mulleres, infancia e xuventude e persoas desempregadas, coa finalidade de lograr a formación de 6.000 persoas da provincia”, informou a Deputación.
Os programas de formación estarán enfocados á adquisición de competencias dixitais básicas para poder operar con confianza e seguridade no momento de comunicarse, informarse ou realizar transaccións, relacionarse e interactuar coas Administracións Públicas, e resolver problemas sinxelos do contorno dixital. Serán accións formativas totalmente gratuítas para o alumnado, de 7,5 horas lectivas en diferentes modalidades, en liña e presenciais.
A presentación oficial do programa será o vindeiro xoves 6 de novembro de 2025, ás 10.00 horas no Salón de Actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel.