A Deputación de Ourense acometerá os seus plans de desenvolvemento en consenso coa cidadanía
luns, 16 de novembro do 2015
A Deputación
de Ourense vén de anunciar que vai pór en marcha unha iniciativa de
participación cidadá, apoiada nas novas tecnoloxías, para impulsar
o desenvolvemento urbano sustentable e integral da provincia. A
medida, segundo informou os días pasados o presidente da entidade,
Manuel Baltar, abrolla da vontade do Goberno provincial de habilitar
plans “que conten con consenso da cidadanía”. Esta campaña de
participación poderase realizar por medio de enquisas, encontros cos
axentes sociais e unha caixa de correo específica para recoller
ideas. As achegas recibidas serviralle á Deputación para elaborar
iniciativas nos ámbitos medioambiental, económico e social.
Na enquisa –á que se poderá acceder desde a web
da Deputación de Ourense- recolleranse opinións e suxestións dos
cidadáns, e proporánselles cuestións sobre os principais problemas
e retos da provincia así como sobre as posibles solucións. A caixa
de correo abrirase por medio da Unidade de Transparencia “para que
calquera cidadán, organización ou colectivo faga chegar ás súas
propostas por escrito”. No que se refire á concorrencia dos
axentes sociais, asociacións e sociedade civil, “organizaranse
encontros con todos estes estamentos para escoitar directamente as
súas opinións e propostas”, sinalou a Deputación, que engadiu
que o obxectivo é acadar que a provincia se artelle arredor de catro
eixes: sustentabilidade do medio ambiente (Provincia Verde),
tecnoloxías smart (Provincia Intelixente), recursos
para a competitividade e o desenvolvemento económico (apoio aos
emprendedores, PEME e conxunto de empresas en xeral) e pulo ao
termalismo (“un dos principais activos da provincia e que é
preciso potenciar dende unha óptica integral”.)
Segundo informa a Deputación, tirando proveito de
toda esta bagaxe cidadá porase especial fincapé na liña de axudas
europeas referida, precisamente, ao Desenvolvemento Urbano Sostible
Integrado, cuxa finalidade é apoiar ás administracións locais á
hora de afrontar os seus retos. Máis en detalle, a entidade
provincial ten programada unha estratexia específica para dispoñer
dunha folla de ruta coa que levar a cabo proxectos de
sustentabilidade no territorio e complementar o seu acceso ás axudas
(cuxa convocatoria será publicada os vindeiros días polo Ministerio
de Facenda). Entre os devanditos proxectos figuran iniciativas sobre
o uso das tecnoloxías da información, a transición a unha economía
baixa en carbono, o impulso a políticas medioambientais e a
inclusión social. “Trátase de traballar por un desenvolvemento
integrado que non se centre só en obras senón que poña en marcha
proxectos vivos e con contidos que contribúan ao desenvolvemento da
provincia", explicou o presidente da Deputación.
