A Deputación de Ourense adaptará os padróns dos 92 concellos ao novo sistema en tempo real do INE

mércores, 19 de febreiro do 2025 S. P.

A Deputación de Ourense vén de iniciar os traballos para adaptar os padróns dos 92 municipios da provincia (incluído o da cidade) ao novo sistema en tempo real que está implantando o Instituto Nacional de Estadística (INE) e que será de obrigado cumprimento para todos os concellos. O ente provincial, a través da Área de Transparencia, ten a previsión de rematar estes traballos o vindeiro 30 de setembro e, para isto, a institución xa estableceu contacto con todos os concellos da provincia informándoos da situación e solicitando a súa colaboración.
O obxectivo da Deputación é “reforzar a cooperación cos concellos con vistas a acadar importantes beneficios para a cidadanía e para as propias institucións como son: a posibilidade de coñecer a evolución da poboación con maior frecuencia, a implantación dunha base de datos de fogares ou convivintes diferenciada da base de datos de persoas, dispoñer de información territorial unificada de referencia ou ofrecer servizos homoxéneos aos cidadáns”.
Segundo os datos actualizados do INE en 2024, a poboación total da provincia de Ourense é de 304.467 persoas, contabilizándose 273.762 vivendas e 134.592 fogares, dos que 56.760 carecen de CIV (código de identificación vía INE) e 32.528 teñen diferentes direccións padroal e catastral.
Reforzo da cooperación provincial co Padrón OnLine
Logo de ser unha das entidades beneficiarias da convocatoria de proxectos de transformación dixital e modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal das entidades locais, convocada polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a Deputación de Ourense logrou unha axuda de 1.336.772,66 euros para levar a cabo o seu proxecto Padrón OnLine para a modernización do padrón de habitantes de todos os concellos da provincia de Ourense.
Trátase dun novo sistema de xestión do padrón municipal que permitirá o intercambio de información, en tempo real, entre os padróns de cada municipio da provincia e entre os propios padróns municipais e o Instituto Nacional de Estatística.