A Deputación de Ourense convoca axudas de 592 euros para emprendedoras menores de 35 anos

martes, 5 de agosto do 2025 S. P.

A Deputación de Ourense lanza o novo programa de apoio ao emprendemento feminino cuxo obxectivo é axudar ás mozas emprendedoras a “dar maior visibilidade aos seus proxectos e actividades empresariais”, especialmente a través do asociacionismo e a creación de redes de emprendedoras.
A administración provincial quere contribuír así a “que as novas empresarias busquen fórmulas colaborativas para mellorar a súa formación e o posicionamento das súas empresas e das súas colaboracións no ámbito dixital”.
A axuda que poden solicitar as emprendedoras consiste en que no mes de outubro se lles aboará o 50% do SMI (salario mínimo interprofesional), 592 euros.
A intención da Administración provincial é o mantemento do plan con carácter plurianual, de maneira que se converta non nunha axuda puntual, senón que as emprendedoras que este ano se beneficien do plan “poidan facelo tamén os meses de outubro das próximas anualidades, de maneira que cada exercicio se vaia engadindo un ano á idade máxima de solicitude e sexa creada unha rede provincial de emprendedoras que todas os meses de outubro desenvolvan accións que consoliden a rede”.
O programa abre o prazo de solicitudes este mércores día 6 de agosto, e o período de solicitudes estará aberto ata que se esgote o crédito orzamentario co límite temporal do 15 de outubro.
A área de Benestar habilitou unha web propia para o programa: emprendedoraou.com. Nesta plataforma está toda a información sobre a iniciativa, incluídas as bases reguladoras do mesmo.
Desde este portal poderase acceder a unha funcionalidade para cubrir a solicitude para a súa posterior presentación a través de rexistro electrónico. Ademais habilitouse un teléfono de atención a emprendedoras que queiran solicitar a axuda, o 988317863.