A Deputación de Ourense convocou aos concellos para afrontaren xuntos os desafíos smart

luns, 24 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A semana pasada celebrouse en Ourense unha relevante xuntanza de traballo sobre as posibilidades que abren as novas tecnoloxías en materia de xestión dos concellos, comunicación coa cidadanía e aproveitamento da información xerada a nivel municipal. A xornada Territorios Intelixentes no Eido Local foi inaugurada polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Organizada pola entidade provincial e o Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP), contou coa presenza activa dun cento de representantes e técnicos das administracións locais. O obxectivo compartido por todos e cada un deles: avaliar o panorama da innovación tecnolóxica no ámbito local desde as perspectivas xurídica, social, da sociedade da información e das infraestruturas.
Na apertura, na que tamén participou o director do OIRESP, Marcos Almeida, o vicepresidente da Deputación sinalou que o complexo panorama actual “presenta unha serie de desafíos aos que se teñen que enfrontar os territorios intelixentes, retos relacionados con tres sectores”. Estes son: o eido das infraestruturas (porque os territorios deben “ser quen de xerar e garantir o funcionamento desas novas infraestruturas para o desenvolvemento social”); o ámbito da Sociedade da Información (porque deben “ser capaces de crear reservas de datos e xestionalas de maneira segura e eficaz”) e o escenario das bases datos (que terán que estar prontas para seren compartidas e compartir coas esixencias de transparencia e goberno aberto, ao tempo que se garante a máxima seguridade).
O profesor Jean-Bernard Auby expuxo no seu relatorio os retos xurídicos destes territorios, e o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, falou sobre a estratexia para o desenvolvemento do proxecto Provincia Intelixente, impulsado pola Deputación e centrando na Administración Electrónica, na intelixencia de información e na toma de de decisións smart. Todo co nexo común de abranguer os escenarios provincial e locais, estreitando ligazóns ao máximo. De feito, non se concibe o proxecto sen a súa “irrenunciábel vertente de cooperación e de asistencia ás entidades locais”, constituíndose a Deputación como “concello de concellos”, explicou,
Asemade, Suárez salientou o proxecto de implantación dun sistema de información que permita a tramitación telemática e a posta en marcha do expediente electrónico con cumprimento da nova Lei 39/2015, e lembrou que no marco do Plan Nacional de Territorios Intelixentes, a Deputación de Ourense vén de conseguir un financiamento de 3 millóns de euros para o proxecto Hai un Ourense para ti: descóbreo, ao abeiro das accións de Turismo Intelixente. Asemade, adiantou que xa se traballa na liña de Territorios Rurais Intelixentes, para desenvolver proxectos que impulsen “o desenvolvemento tecnolóxico rural para a súa mellora económica, social e ambiental, factores que contribúen a frear o despoboamento".

PUBLICIDADE