A Deputación de Ourense crea a Oficina Única Virtual de Atención ao Cidadán (OUVAC)
mércores, 26 de febreiro do 2025
Co obxectivo de establecer unha canle directa de comunicación entre a cidadanía e a Deputación de Ourense xorde a Oficina Única Virtual de Atención ao Cidadán (OUVAC), unha plataforma integrada na que calquera cidadán pode solicitar información mediante teléfono, correo electrónico, SMS, web, WhatsApp ou redes sociais.
Cómpre dicir que este novo sistema permite recibir preguntas, solicitudes e outras cuestións de interese a través das citadas canles. Tamén, a través da web da Deputación de Ourense, e durante as 24 horas do día, pódese acceder á citada oficina.
A OUVAC é unha plataforma integrada, na que se contestará á cidadanía empregando a mesma canle que se usou en orixe. Unha das vantaxes desta oficina, tal e como sinalan desde a Área de Transparencia e Goberno Aberto, é que está apoiada na Intelixencia Artificial, de cara a facilitar unha resposta máis áxil ao cidadán. Trátase dun chatbot instalado na web da Deputación, con respostas automáticas, que permite recibir peticións e informar do estado das mesmas as 24 horas do día, mellorando a comunicación coas cidadás e cidadáns, dun xeito máis áxil e sinxelo, segundo sinala Marcos Valiño, director da Área de Transparencia.
Engadir que o proxecto OUVAC está financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.