A Deputación de Ourense debulla ante os concellos os seus servizos para faceren fronte aos ciberataques

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

Os concellos ourensáns disporán dun servizo gratuíto para garantir a seguridade das súas instalacións e documentos dixitais grazas á adhesión da Deputación de Ourense ao Centro de Operacións de Ciberseguridade para as Entidades Locais (COCS_EELL). O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño, xunto cos responsables da empresa adxudicataria do programa, explicaron aos representantes municipais, nun encontro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a necesidade do proxecto, o seu alcance e obxectivos que se pretenden alcanzar.
“Nun mundo cada vez máis dixital”, destacou Marcos Valiño, “a Deputación de Ourense foi quen de captar os recursos e o financiamento necesarios para proporcionar todo tipo de servizos de ciberseguridade aos concellos da provincia de forma gratuíta e durante 5 anos”.
Os recursos que se ofrecen e que serán xestionados pola Deputación xiran en torno a cinco eixos fundamentais: prevención, protección, detección, resposta e asesoría. Desta forma, explicou Valiño, “facilitaranse aos concellos ferramentas e equipamentos que posibilitarán a prevención e detección temperá de incidentes, así como servizos de resposta inmediata e xestión de crises ante calquera incidente de ciberseguridade”.
Valiño reiterou que o proxecto que se inicia esta tempada proporcionará aos concellos ourensáns, en termos de seguridade cibernética, “apoio especializado a través dos técnicos do citado departamento en liña coas últimas tecnoloxías, así como asesoría e asistencia técnica para implantar estes servizos e evitar ciberataques de difícil reparación”. Amais, dotarase ás administracións locais de análises previas da situación actual de cada concello, co fin de valorar as necesidades particulares e definir as necesidades reais para cada caso.
Este proxecto, enmarcado na política de asistencia permanente aos concellos, reafirma a intención da Deputación de Ourense de “buscar financiamento e recursos que permitan asistir e axudar ás entidades locais en ámbitos de difícil aplicación e xestión como a ciberseguridade”.