A Deputación de Ourense e o CPEIG impulsan a transformación das empresas non tecnolóxicas

luns, 27 de xullo do 2020 S. P.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, veñen de asinar un convenio de colaboración para facilitar a transformación tecnolóxica de empresas que non sexan do sector TIC e pertenzan a sectores de escasa dixitalización. O acordo fará posíbel impulsar programas e proxectos que potencien a adaptación ás TIC de todo tipo de negocios e actividades, con vistas a optimizar a súa xestión e rendibilidade e, tamén, fortalecelas/os de cara a adversidades como a da COVID.
Para isto, habilitarase unha canle continua de comunicación que facilite o acceso a financiamento das empresas da provincia, especialmente aquelas que non pertencen ao sector tecnolóxico, no que atinxe a convocatorias públicas a prol da modernización dos servizos que prestan.
Fernando Suárez explicou que este acordo “permitirá impulsar tres liñas de actuación: informativa, de financiamento e de cooperación, que teñen como obxectivo dar a coñecer recursos, asesorar sobre axudas económicas e propiciar soporte técnico e traballo e rede".
Na primeira delas, favoreceranse as vías de informacións sobre os recursos e servizos existentes no ámbito de servizos intelixentes administrativos de cara ao seu coñecemento polo sector empresarial provincial. Neste senso, o CPEIG elaborará un catálogo se empresas e servizos en formato electrónico, que poida “recoller dinamicamente novas oportunidades, para facilitar o coñecemento e comprensión das posibilidades tecnolóxicas e garantir a continuidade empresarial no contexto actual”. Dentro destas posibilidades, engadiu o presidente do colexio, atópanse as ferramentas de vídeo-conferencia, teletraballo, teleformación, ferramentas colaborativas, e todos aqueles servizos derivados como os que garanten a seguridade lóxica dos sistemas implantados. O colexio potenciará a difusión e acceso a esta información ás empresas da provincia de Ourense.
No segundo apartado o de financiamento, o CPEIG colaborará coas empresas e autónomos en concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes que así llo soliciten, no asesoramento e colaboración na busca e preparación da documentación técnica para a solicitude de recursos para facer fronte ao COVID-19.
Finalmente, na liña de cooperación, o CPEIG colaborará co Cluster TIC de Galicia para elaborar un catálogo de empresas galegas que poidan prestar os servizos de subministro e habilitación das aplicacións e infraestruturas obxecto de financiamento, así como os servizos de soporte técnico posterior no marco da adaptación tecnolóxica das empresas.

PUBLICIDADE