A Deputación de Ourense e o Catastro seguirán a transformar os servizos de xestión da cidadanía
luns, 15 de setembro do 2025
O presidente da Deputación, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co xerente territorial do Catastro na provincia de Ourense, Manuel Junco, na que analizaron polo miúdo o desenvolvemento do convenio subscrito en 2024 entre ambas institucións e que buscaba “mellorar o servizo aos cidadáns da provincia”.
Este convenio, que substitúe ao anterior e que databa de 1999, facilita unha actualización catastral maior a través das posibilidades que ofrecen os novos expedientes de comunicacións catastrais, pois aforran trámites á cidadanía, evitándolles aos propietarios ter que aportar información da que xa dispoñen as entidades locais.
Mantén tamén a encomenda de xestión das declaracións de alteracións físicas e xurídicas e amplía o seu obxecto aos inmóbeis de natureza rústica, “algo que non contemplaba o anterior documento e que contribúe a unha maior seguridade xurídica no medio rural”, sinalou o presidente, engadindo que a día de hoxe están adheridos a este convenio 40 municipios da provincia e está xestionado, por parte da Deputación, un punto de información catastral a este respecto.
Dentro da análise da actividade desenvolta en virtude deste convenio durante 2024, Luis Menor e Manuel Junco destacaron cifras como as declaracións de alteración xurídica para 10.713 inmóbeis; os 306 expedientes de declaración de alteración física que afectan a 2.124 inmóbeis, ou as 2.556 comunicacións de actuacións en 14 municipios da provincia. Luis Menor e Manuel Junco tamén puxeron sobre a mesa os datos provisionais de tramitación durante o que vai de ano: 5.955 declaracións de alteración xurídica en inmóbeis; 235 expedientes de declaracións de alteración física con 1.643 inmobles alterados, así como as 705 comunicacións de actuacións en 3 municipios da provincia.
“Neste encontro de traballo tamén quedou patente a utilidade que ten para o Catastro a realización de rueiros xeorreferenciados por parte dos municipios, proceso que está a ser facilitado en virtude da colaboración aportada pola Deputación”, engadiu o presidente.
