A Deputación de Ourense estrea nova páxina web

martes, 4 de febreiro do 2025 S. P.

Co inicio deste mes de febreiro, a Deputación de Ourense estreou nova páxina web, e fíxoo non só co obxecto de renovar a súa imaxe, senón tamén de acadar “unha relación mais directa coa cidadanía, ofrecer novos e mellores contidos e adecuarse ás tecnoloxías emerxentes”.
A institución provincial salientou que “a nova páxina é máis visual, agradábel e directa”, con recursos que facilitan o acceso as diversas seccións e ofrecendo diferentes opcións de navegación como uns menús superior e inferior permanentes coas seccións máis requiridas, a adaptación visual a todo tipo de dispositivos ou o enlace directo a outras webs da institución.
Outro dos aspectos mais relevantes é un buscador de última xeración que permite a busca de contidos en base a temáticas, ámbitos de actuación e datas de publicación. Este buscador xa ten integrados todos os contidos dos boletíns da provincia de Ourense dos últimos 15 anos, os contidos das diferentes webs dos concellos da provincia de Ourense, a información que a Deputación ten aloxada na Base de Datos Nacional de Subvencións, os procesos de contratación e outra información de interese.
Fontes da Deputación salientaron que a entidade provincial é “pioneira na implantación da tecnoloxía empregada en dito buscador, sendo a día de hoxe escasas as institucións españolas que a teñen incorporada nas súas páxinas web”. A Deputación lembra que “ao día de hoxe, a referencia mais destacada de dita tecnoloxía en España é o Museo do Prado en Madrid”.
A páxina seguirá evolucionando e incorporando contidos e novidades de forma permanente.