A Deputación de Ourense faise cunha subvención estatal para a promoción do turismo intelixente

xoves, 19 de decembro do 2024 S. P.

A Deputación de Ourense ven de recibir a aprobación do proxecto Ourense preto de ti así como a subvención do mesmo ao 100% (acadando a cifra de 1.327.618 euros) por parte do Ministerio de Industria e Turismo, a través da Sociedade Mercantil para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas S.A.M.P. (SEGITTUR).
Indo á subvención, cómpre dicir que se atopa inserida no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e está financiado pola Unión Europea-Next Generation EU. Segundo o Ministerio de Industria e Turismo valórase que o proxecto inclúa información moi exhaustiva e moi relevante, que demostra un coñecemento profundo e amplo achegando diferentes servizos. Asemade, tense en conta tamén que se consigue unha proposta completa e xustificada que non deixa aspectos sen tratar. Engadir que a Deputación de Ourense é a única gran administración pública de Galicia en conseguir a mencionada subvención.
Indo ao proxecto, a Deputación presentou como obxectivos principais: a integración da súa plataforma de turismo intelixente co nodo central da Plataforma Intelixente de Destino de Segittur; a implantación dun servizo de asistencia dixital personalizada ao turista en múltiples idiomas; o incremento da accesibilidade dixital dos recursos turísticos; o deseño e definición dun modelo de medición de impacto do turismo termal; a mellora do coñecemento dos camiños de Santiago que atravesan a provincia; o impulso do enoturismo e a promoción do turismo de congresos.
Por último, sinalar que Técnicos da Deputación xa contactaron cos responsábeis da empresa Segittur e iniciaron os trámites administrativos para a realización do proxecto, que se prevé rematado en xuño do ano 2026.