A Deputación de Ourense fomenta a transformación dixital de 300 pequenas empresas
luns, 16 de decembro do 2024
Achegar asesoramento sobre novas tecnoloxías aos emprendedores e emprendedoras é o obxectivo da Oficina AceleraPeme da Deputación de Ourense. O dito programa fomenta a transformación dixital de preto de 300 pequenas empresas ourensás e constitúe unha iniciativa que achega asesoramento e información sobre tecnoloxías para a súa transformación dixital e sobre convocatorias de axudas, amais de facilitar redes de contactos profesionais e ofrecer unha asesoría personalizada.
O deputado de Innovación, Jorge Pumar, acompañado polo director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño, visitaba a pasada semana na rúa do Paseo a oficina itinerante que proporciona este servizo, que conta ademais con outras tres sedes: dúas oficinas físicas permanentes situadas no Pazo Provincial e no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo e outra virtual, que se suman a esa oficina itinerante que percorre a provincia para mellorar a competitividade dos emprendedores.
Indo ao programa AceleraPyme, do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, dicir que forma parte do Plan de Dixitalización de pemes 2021-2025, financiado pola Unión Europea. A Deputación de Ourense presentou a este programa o proxecto AcelerOU, co obxectivo de apoiar ás pemes, autónomos e emprendedores ourensáns no seu proceso de dixitalización, contribuíndo a mellorar a súa competitividade.
As actividades realizadas até agora no marco do programa AceleraPyme inclúen: o asesoramento a 148 empresas, pemes e autónomos; o contacto directo con outras 121 empresas; 25 axudas de kit dixital tramitadas e até 11 seminarios informativos.
As charlas de asesoramento realizadas pola provincia beneficiaron, até o momento, a usuarios de Nogueira de Ramuín, Verín, Monterrei, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE), a asociación ProVivienda, Quintela de Leirado, Riós, Manzaneda, A Merca, o Plan de Sustentabilidade Turística Ribeiro-Carballiño e o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de O Carballiño.
Ademais, está previsto realizar 31 seminarios máis pola provincia durante o primeiro semestre de 2025.
Para aquelas persoas interesadas en acceder ao programa AceleraPyme da Deputación, deberán seguir estes pasos: o usuario/-a contacta coa Deputación a través das diferentes oficinas dispoñíbeis, analízase o seu caso para realizar unha análise e diagnóstico do mesmo en canto a dixitalización e en base a este, elabórase un plan de acción que guíe ao usuario/-a nese proceso de dixitalización.
Pódese obter máis información na web do programa, así como na conta de Facebook @AceleraPymeDepourense.