A Deputación de Ourense lanza a primeira iniciativa de termalismo para nómades dixitais en España

luns, 26 de agosto do 2024 S. P.

A Deputación de Ourense lanzou o que sería, en palabras da entidade provincial, “o primeiro programa de termalismo para nómades dixitais en España”, unha iniciativa que busca presentar aos balnearios como emprazamentos óptimos “para teletraballar e descansar”.
A primeira quenda do novo programa da Deputación comezará o vindeiro 23 de setembro no Balneario de Lobios, ofrecéndolle a posibilidade a nómades dixitais de todo o mundo a teletraballar durante 10 días desde esta infraestrutura termal emprazada na Reserva da Biosfera da UNESCO, na fronteira hispano-portuguesa.
Esta primeira experiencia inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, 10 técnicas termais, espazo común de networking e diversas actividades que contribúan a complementar a experiencia nas horas libres.
As persoas interesadas en anotarse para participar nesta primeira experiencia poderán inscribirse a través da páxina web específica habilitada.
A posta en marcha desta iniciativa chega logo do anuncio do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, na asemblea anual das Vilas Termais, o pasado mes de xuño en Guitiriz, de levar a cabo un programa que captara aos nómades dixitais como potenciais usuarios dos balnearios. Foi precisamente neste foro onde se comprometeu a “desenvolver un programa orientado a este novo perfil profesional desde a Deputación de Ourense co obxectivo tamén de que esta iniciativa puidera ser replicada despois por outros territorios termais”.