A Deputación de Ourense lanza a web do seu servizo de publicacións e activa o botón de escoita no BOP
xoves, 6 de febreiro do 2025
A Deputación de Ourense puxo en marcha dúas iniciativas a prol da accesibilidade dixital en relación coa cidadanía: por unha banda a renovación da páxina web do Servizo de Publicacións, onde se poderá atopar o catálogo editorial da institución, que recolle todo o que publicou ata o momento a Deputación. Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) estrea un botón de “escoita” para acceder aos edictos en formato audio.
A web do Servizo de Publicacións da Deputación trátase dunha nova ferramenta dirixida a facilitar o acceso e a compra de obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, tanto de autores ourensáns como de outros divulgadores da realidade de Ourense. A Deputación ten editados case 600 títulos e a web pretende facilitar a compra online destas obras, que ata agora podíanse mercar a través de librarías ou da propia oficina de publicacións.
Na web pódese consultar o catálogo editorial de diferente formas: por palabras chave, por autor, título ou ano de publicación. Ademais, é posíbel acceder a diferentes categorías ou temas aos que se refiren as publicacións, como a provincia en imaxes, biografías e personaxes de Ourense, compilacións de artigos publicados en prensa, emigración, patrimonio ou termalismo.
Ademais, o Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP) estreou unha nova ferramenta dixital accesíbel na súa web, que fornece dunha funcionalidade que permite escoitar tanto o índice coma os edictos do BOP. A área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense destacou a “gran utilidade” deste sistema de escoita para persoas con algún tipo de discapacidade ou simplemente para o público en xeral.
A institución provincial explicou que “o botón de escoita, dispoñíbel ao inicio da páxina oficial e en todos os edictos, supón unha mellora en accesibilidade dixital, xa que ofrece unha mellor experiencia ao maior número posíbel de persoas, incluídas aquelas que teñan algunha discapacidade como, por exemplo, persoas con discapacidade visual, pero tamén outros usuarios do boletín que teñan dificultades neurocognitivas ou discapacidades intelectuais”.
O sistema de audio pódese empregar a través dun botón disposto en cada unha das ventás da edición dixital do BOP. Ao premer no botón “escoitar”, o usuario pode escoitar ao completo o contido da páxina web onde se atope (índice ou edictos), con funcionalidades que inclúen tamén a posibilidade de cambiar a velocidade de lectura, así como saltos cara adiante.
Dende a Área de Transparencia e Goberno Aberto infórmase tamén que están a traballar noutra funcionalidade que complemente a que agora se presenta, e orientada a facilitar a navegación integral a persoas con outros tipos de capacidade. O obxectivo é “chegar ao 100% da poboación con independencia da súa capacidade ou condición física”.