A Deputación de Ourense leva a banda larga ás comarcas de O Ribeiro, O Carballiño, A Limia, Monterrei, Valdeorras e Viana

martes, 24 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A provincia de Ourense está a materializar nas comarcas de O Ribeiro, O Carballiño, A Limia, Monterrei, Valdeorras e Viana a posta en marcha dunha iniciativa para estender a cobertura de banda larga ao seu rural. O plan vén da man da Deputación e constitúe o desenvolvemento dunha actividade que xa comezou a dar froitos hai agora uns tres anos, abranguéndose as seis comarcas da provincia nos seguintes tres proxectos: Proxecto Terras do Avia, Proxecto Arraiano e Proxecto Delorur. Segundo apunta o órgano provincial, trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia e en toda España no que se refire ao emprego de tecnoloxía WiMAX-e para achegar Internet de calidade á poboación do rural. Neste caso concreto, o que se pretende é levar redes sen fíos aos recantos máis afastados e xeograficamente complexos da provincia.
Tal como sinalamos, o despregue de banda larga artéllase a través dos proxectos Terras do Avia, Arraiano e Delorur, cofinanciados ao 70% polos fondos FEDER, sendo o obxectivo fundamental o de acadar que a maior parte da poboación rural dos 51 concellos “teña acceso a unha Internet de calidade”.
A xuízo da Deputación, estariamos ante unha oportunidade de impulso e de promoción económica para todas aquelas persoas que teñan un negocio no rural e non conten con conexión ás redes de velocidade óptima. Arestora, as veciñas e veciños que viven nas zonas de cobertura marcadas no mapa que achega a Deputación, xa poden integrarse no colectivo de usuarias/os da banda larga.
A empresa designada para levar a cabo estas accións de cobertura, equipamento e fornecemento de servizos ás familias e empresas é Iberbanda, que segundo apunta o organismo provincial foi a única firma que presentou a súa oferta técnica. Iberbanda, engade a institución, é unha compañía de longa e ampla experiencia en achegamento de conectividade a través de tecnoloxía sen fíos WiMAX en zonas de rural do noso país onde non se ofrecen aínda outras infraestruturas fixas ligadas á banda larga, tal e como amosa a actividade nas provincias de Pontevedra (a través de Repoblar, da Deputación provincial) ou de Lugo (a través da Axenda Dixital 2014.gal).
O gran obxectivo deste plan da Deputación é pór solución a moitas das eivas de cobertura e afianzamento dixital que teñen un bo número de zonas rurais e de pequenas empresas da contorna ourensá, as máis atrasadas no uso de tecnoloxías da información. “Coa implantación da banda larga”, explícase, “daráselle cumprimento a un dos principais obxectivos dos devanditos proxectos: conseguir que a maior parte da poboación rural dos 51 concellos teñan acceso a unha banda ancha de calidade”.
Cuestións técnicas e cobertura actual
A tecnoloxía proposta para a rede é WiMAX-e conforme ó estándar IEEE 802.16-2005 e soportada na banda de frecuencias de 3,5 XHz restrinxida a operadores con licenza. Un dos principais apartados relacionados coa valoración técnica da empresa Iberbanda, é o de ofertar un servizo adicional de 4Mbps e, sobre todo, ofertar servizos de voz, de rede privada virtual, de rede intelixente, servizos de apoio e servizos nomádicos.
A firma, informa a Deputación, achega un paquete de servizos por un importe de cota de alta 59 euros (máis IVE) e cota mensual de 26 euros (máis IVE) para o servizo de 1 Mbps e de 34 euros (máis IVE) para o servizo de 2Mbps, e un servizo de voz opcional por 6 euros (máis IVE) que inclúe unha tarifa plana de 300 minutos a teléfonos fixos; Iberbanda oferta este verán a alta gratuíta para os clientes que contraten os servizos de voz e datos por un período dun ano. O servizo estará dispoñible para tódolos usuarios dentro da zona de cobertura proposta. “Estas tarifas estarán vinculadas a un acceso de 24 horas sen límite de descarga e sen compromiso de permanencia”, explícase. A cota de alta contempla tanto a instalación como a alta, incluíndo tódolos conceptos para a posta en servizo do cliente. A tarifa mensual incluirá os custos de mantemento e alugamento de equipo do usuario.
Arestora, as áreas xeográficas do proxecto Arraiano contan cunha cobertura do 79%, o proxecto Terras do Avia cun 86%, e finalmente o proxecto Delorur cun 85%, superando amplamente as previsións iniciais do proxecto.

PUBLICIDADE