A Deputación de Ourense quere garantir unha eAdministración accesible e igualitaria para as persoas maiores

xoves, 4 de setembro do 2025 S. P.

A Deputación de Ourense aspira a ser a primeira administración provincial de España en “certificar” o seu compromiso coas persoas maiores, a través de AENOR. O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo con José Enrique Rodríguez Coello, director desta entidade global en Galicia. O motivo da reunión foi o interese do presidente na posibilidade de certificar o compromiso da Deputación de Ourense en ámbitos relacionados coa igualdade e a diversidade. Lembrar, neste punto,l que AENOR ofrece aos organismos públicos ferramentas de certificación que permiten avaliar e demostrar o seu compromiso con estes valores.
Neste marco e dada a realidade sociodemográfica da provincia, o primeiro ámbito no que Menor amosou interese para lograr unha certificación de AENOR é o compromiso da Deputación coa prestación de servizos ás persoas maiores, e, de maneira máis concreta, de xeito inclusivo ao utilizar a Administración Electrónica na área de Benestar.
En concreto, a Deputación está interesada na certificación Compromiso coas persoas maiores de AENOR. Trátase dunha metodoloxía baseada nas accións que cada organización decide levar a cabo para prestar servizos de maneira accesible e igualitaria para as persoas maiores. A Deputación de Ourense , a través da súa Área de Benestar, aspira a ser “a primeira administración provincial de España que certifique o seu compromiso coas persoas maiores en atención aos programas e servizos que presta, pero sobre todo en como os presta a través de Administración Electrónica accesible e igualitaria”, sinalou o presidente.
Trala reunión de traballo, Menor amosouse “moi optimista” no obxectivo de certificar o traballo da Deputación de Ourense coas persoas maiores, especialmente a través da atención dixitalizada.