A Deputación de Ourense, recoñecida en Madrid polo seu proxecto de provincia smart

mércores, 28 de novembro do 2018 Redacción

A Deputación de Ourense vén de obter un recoñecemento ao seu labor no plano da dixitalización das administracións (a provincial e, en última instancia, as dos concellos ourensáns). O galardón veu dado polo proxecto Provincia Intelixente, e foille concedido pola Asociación Ciudadanos na 22 edición dos premios do mesmo nome, ao abeiro da categoría Cidades e Territorios Intelixentes. O premio recolleuno onte o vicepresidente segundo da Deputación, Jorge Pumar, no salón de actos da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e Axenda Dixital, en Madrid.
Segundo enxalzou o xurado dos galardóns, o proxecto smart da entidade galega diríxese a convertela en “Concello dos Concellos”, poñendo en xogo unha xestión da información dos municipios desde un punto de vista único e con tres obxectivos: cooperación, optimización de recursos e redución de custes. Ademais, outro dos obxectivos salientados foi a vontade de “diálogo e de creación de interfaces válidas e dinámicas entre o público e o privado”.
Jorge Pumar, quen agradeceu o premio á asociación, fixo saber que a iniciativa distinguida é un dos alicerces do Plan de Mandato Ourense 15-19, e, segundo engadiu, desenvólvese en tres liñas principais: a eAdministración provincial, a intelixencia de información provincial e a toma de decisións intelixentes. Asemade, salientou que o proxecto favorece a creación dun ecosistema inversor de grandes compañías referenciais e de pequenos inversores que desenvolvan produtos entorno ao concepto smart.
Así mesmo, o vicepresidente segundo lembrou que para o cumprimento do plan, a institución provincial facilita aos concellos unha serie de servizos como portais web, desenvolvemento de páxinas de transparencia, sistemas de eAdministración, o xeoportal EIEL ou a integración de servizos de telefonía, entre outros recursos.
A Deputación de Ourense compartiu galardón con outras entidades do ámbito privado como, por exemplo, Samsung, premiada polo proxecto Samsung Smart School; Novartis, pola estratexia de Comunicación en Saúde coa cidadanía; Janssen, polo seu compromiso nas melloras no acceso aos medicamentos e a Universidade Europea de Madrid, así como outras institucións públicas como as deputacións de Palencia, Huelva e Cádiz, entre outras entidades públicas.