A Deputación de Ourense renova o portal de información sobre infraestruturas e equipamentos
mércores, 22 de outubro do 2025
A área de Infraestruturas da Deputación de Ourense vén de levar a cabo “unha profunda actualización e mellora” do Sistema de Información Territorial da Enquisa de Equipamentos e Infraestruturas Locais (SITEIEL), que o configura como a Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) da Deputación.
A institución sinalou que “esta nova versión supón un salto cualitativo na xestión do territorio, na colaboración interadministrativa e na transparencia coa cidadanía”.
O obxectivo é “dar cabida á Estratexia de Datos Europea e, nese contexto, á directiva de Datos Abertos e a súa reutilización no sector público”.
A Deputación engade que o novo SITEIEL “transforma a maneira en que os cidadáns e, en particular, os concellos, acceden, consultan ou xestionan non só a información anual da EIEL, senón tamén de todas as fontes de datos que se irán incorporando, ofrecendo máis ferramentas, maior facilidade de emprego e novas capacidades de colaboración”.
A EIEL é un instrumento de análise cualitativo e cuantitativo dos servizos de competencia municipal, concretamente, de todos aqueles de menos de 50.000 habitantes, todos agás a capital.
Trátase dun inventario de ámbito nacional e de carácter censal que ten como obxectivo coñecer periodicamente a situación e o nivel de dotación das infraestruturas e equipamentos locais.
