A Deputación de Ourense sitúase á fronte do Estado no uso de Twitter como canle de comunicación

mércores, 6 de setembro do 2017 Redacción

A Deputación de Ourense vén de informar de que se trata da institución provincial de todo o territorio estatal que está a acadar meirande actividade e seguimento na rede social Twitter, segundo datos extraídos dos novos informes da consultora Postanalytics, que analiza a presenza dos gobernos provinciais no dito servizo dixital amais da súa pegada e influencia. A Deputación lembra que xa o pasado mes de agosto, o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou “como o presidente máis activo en Galicia na rede social Twitter”, ocupando na actualidade o segundo posto dos 46 presidentes provinciais.
Segundo engade a institución ourensá, esta presenza na rede social abrolla do seu compromiso a prol do goberno aberto, a transparencia e a interactividade coa cidadanía, compromiso que lle valeu (recentemente) un recoñecemento do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), o Premio Iniciativa da Administración.
Ao fío do devandito (o fío da Administración Electrónica e dos novos xeitos de establecer comunicación cos ourensáns) a Deputación tamén fixo saber que será a primeira institución pública do Estado en implantar o sistema de Auditoría Social da Transparencia, un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real. A ferramenta, desenvolvida por Dyntra (a plataforma global da Sociedade Civil para a Transparencia e Rendición de Contas das Institucións), permitirá “coñecer en cada intre o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense”. Ademais, engade o Goberno de Manuel Baltar, “permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España”.

PUBLICIDADE