A Deputación de Pontevedra salienta a “boa acollida” dos puntos CPAE 2.0

luns, 22 de setembro do 2014 Redacción

A aula de actividades do punto CPAE 2.0 de Pontevedra

Tras a posta en marcha da primeira oficina do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 para as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes o pasado 15 de marzo, coa que se iniciaba a apertura dos seis puntos CPAE 2.0 ao longo de toda a provincia de Pontevedra, cúmprense este mes de setembro o primeiro semestre de intensivo traballo nos puntos CPAE 2.0 da Deputación de Pontevedra, intre no que as pequenas empresas e autónomos que están sendo asesorados no ámbito das TIC e das Novas Tecnoloxías, amosaron “unha gran satisfacción” no que se refire aos servizos que reciben, segundo informou o organismo provincial, que está a aproveitar a ocasión (o cumprimento do primeiro semestre de actividade) para facer un completo balance do acadado na rede CPAE 2.0.
Como xa informamos o pasado mes de marzo, a Deputación de Pontevedra no marco da iniciativa depoTIC “a tecnoloxía nas túas mans”, que ten como obxectivo fundamental a modernización dos procesos de negocio grazas á utilización das TIC no ámbito da Administración, cidadanía e por suposto tamén no ámbito empresarial, poñía en marcha unha rede de 6 puntos distribuídos polas diferentes comarcas da provincia. Nestes puntos os autónomos e as pequenas empresas están a obter información e asesoramento presencial e personalizado sobre o uso e aplicación das tecnoloxías da información no seu ámbito, co obxectivo prioritario de aumentar a produtividade e competitividade de preto dos 64.000 autónomos e microPEME da provincia, priorizando naquelas que teñen 5 ou menos traballadores, xa que representan algo máis do 92% do tecido produtivo e potenciando así o desenvolvemento económico da provincia.
Como lembraremos, nos puntos CPAE 2.0 ofrecese, “sen custo algún para o autónomo ou empresario”, servizos de información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC, titorado na incorporación das novas tecnoloxías, capacitación tecnolóxica, demostración de produtos e solucións TIC, acompañamento para o uso do comercio electrónico e procura de axudas e subvencións no ámbito tecnolóxico. Segundo engade a Deputación, “trátase dun servizo personalizado, individualizado e prolongado no tempo, acompañando ás empresas na incorporación de ferramentas informáticas que melloran a súa competitividade e produtividade”. Todas as oficinas están atendidas por asesores TIC altamente cualificados, con coñecementos multidisciplinares, e por un equipo de coordinación de cinco persoas que xera os contidos e resolve as cuestións mais complexas.
No que atinxe aos números do CPAE 2.0 dende a súa posta en marcha, sinalar que xa utilizaron os servizos dispoñibles mais de 370 empresas das cales o 75% son microPEME e o 25% son profesionais autónomos. Por outra banda, estase a asesorar na actualidade a máis de 273 empresas e autónomos que o solicitaron e resolvéronse un total de 292 consultas de distintas temáticas, que van desde como ter presenza na Rede Internet, o uso das redes sociais, ferramentas de xestión empresarial, comercio electrónico, certificados dixitais, etc. O reparto por xéneros situase nun 45% de mulleres e un 55% de homes. A meirande parte deles son persoal directivo con idades comprendidas entre os 30 e 45 anos. Os sectores que máis demandaron estes servizos foron o sector comercio cun 24% e o da construción cun 12% seguidos polas pequenas empresas de ámbito pesqueiro e gandeiro.

A fachada do punto CPAE 2.0 de Lalín


Primeiros casos de éxito do Centro Provincial de Asesoramento 2.0 (CPAE 2.0)
Amancio Varela, xefe do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, sinala á redacción de Código Cero que xa están chegando os primeiros casos de éxito ao Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0. Entre eles salienta o caso de Miguel Ángel García, autónomo residente no concello de Poio que traballa no sector do moble clásico e moderno e que está concienciado e ve necesaria a adopción de novas formas de facer as cousas no seu sector. É representante de grandes marcas para a venda de mobles a establecementos galegos que teñen graves problemas para sacar o stock das súas tendas. Neste caso decidiu pór en marcha, apoiado polos asesores do CPAE 2.0, un portal ecommerce desenvolvido na plataforma de código aberto Prestashop que no futuro deberá integrarse coa ferramenta de xestión seleccionada para este negocio. Neste portal as tendas de mobles poderán colgar os seus produtos e os clientes contactar con eles para pechar o trato e recibir na súa casa a mercancía e a instalación dos mobles. Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia, que supón a creación dun Marketplace propiamente dito para o sector do moble galego e que pretende acadar a adhesión de empresas da provincia de Pontevedra así como de moblerías das outras tres provincias galegas.
Outro dos casos de éxito é o da Administración de Loterías de Barrantes-Ribadumia, rexentada por Xesús Alonso, que ao chegar á oficina do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) tiña claro que quería montar un sistema de venda de lotería a través de Internet co obxectivo de mellorar as vendas en períodos de moita afluencia de público como pode ser a tempada do Nadal, xa que nesta época do ano non son quen de vender por portelo toda a demanda dos seus clientes. O plan de mellora proposto polo asesor do centro CPAE 2.0 pasa pola posta en marcha dunha aplicación web avanzada baseada na solución GADMIN® MOBILE, portelo virtual específico para a venda en liña de Loterías e Apostas do Estado optimizado tamén para o seu uso en dispositivos móbiles. Aínda que o xerente confesa que debe acollerse a restricións do xogo online e que debe liquidar algunha outra complicación,agarda ter listo o seu portal de compra de cara á campaña do próximo Nadal.
Outro exemplo é o dunha cafetería que vende bocadillos preto dun instituto e que tiña un problema loxístico ao coincidir todos os pedidos na hora do recreo o que provocaba importantes colas debido a que os empregados non podían atender tantos pedidos de xeito simultáneo. Como solución propúxoselle utilizar Whatsapp para que os rapaces fixeran o pedido antes do recreo e poder preparalos con antelación. Como resultado a cafetería vende un 40% máis.
Finalmente os responsables do proxecto subliñan o caso de Virginia Pérez, unha venezolana afincada no Porriño dende fai moito tempo e que ten unha empresa que comezou a exportar viños galegos a Latinoamérica creando alá a súa propia canle de distribución. Neste caso, o plan de mellora individualizado que se está levando a cabo inclúe a creación da súa plataforma web cun CMS (Content Management System), para obter credibilidade con estes distribuidores, así como a implantación dun pequeno programa de xestión de software libre que lle dea axilidade e control sobre a loxística permitindo priorizar os pedidos que cheguen do outro lado do Atlántico. A web corporativa está a piques de publicarse estes días e nun futuro mais ou menos inmediato terá unha parte privada con funcionalidades de xestión para dar un servizo áxil e produtivo ós distribuidores. Coa súa web pretende dar ese punto de confianza as seus distribuidores. “Cando falas do Rioxa todo o mundo coñéceo, mais ao Albariño non, e paréceme unha mágoa que a xente se perda algo tan bo”, afirma Pérez Zurita.
Control da calidade do servizo prestado
Segundo explica a Deputación de Pontevedra, un proxecto da dimensión do CPAE 2.0 “precisa dun control exhaustivo que garanta a calidade dos servizos prestados”. Para este cometido, o organismo provincial contratou unha empresa externa ao proxecto encargada de realizar o seguimento continuo. No último informe de realizado constátase “a satisfacción dos empresarios asesorados cunha cualificación de 4,2 sobre 5”. Tamén destaca que “o 80% dos servizos requiridos ata o de agora foron solicitudes de información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC”. Estes servizos de asesoramento inclúen un plan de mellora, que xa se está a levar a cabo en cada unha das empresas, e están relacionados nun 21,4% dos casos con temas sobre publicidade, mercadotecnia dixital e redes sociais, nun 17,6% sobre comercio electrónico e nun 11,5% sobre axudas e subvencións.
Eventos de capacitación tecnolóxica
Un dos servizos mais requiridos polos empresarios, así se fai saber, é o servizo de capacitación tecnolóxica. Nesta liña, o pasado mes de xullo comezou un intenso programa de sesións informativas en todos os puntos CPAE 2.0 en temáticas como seguridade informática, adecuación de sistemas á LOPD e LSSICE e plataformas de comercio electrónico impartidas por poñentes especialistas nestas materias.

Rafael Louzán e Amancio Varela na inauguración oficial do centro de Cambados


Así por exemplo, o encargado do relatorio sobre a seguridade informática, Jorge Pasamón, é senior manager de PwC Auditores con mais de 12 anos de experiencia e especializado en diversos ámbitos de seguridade informática e tecnoloxía. No caso das sesións de LOPD e LSSICE, Sergio Gómez, é senior manager de PwC especialista nos aspectos xurídicos das tecnoloxías da información. Leonard Pera escritor do libro Social Commerce 100 consejos para vender en Internet falou deste tema, nas diferentes xornadas en todos os puntos CPAE 2.0 ao longo de toda a provincia. Carlos González Luís que conta con 20 anos en consultaría de negocio foi o encargado de falar sobre plataformas de comercio electrónico e concretamente sobre o Centro de Comercio Virtual que a Deputación de Pontevedra está a punto de poñer en marcha.
Axenda de setembro
Como complemento a estas xornadas de capacitación, estanse a organizar obradoiros informativos dirixidos polos propios asesores do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0). Para este mes de setembro xa están programadas unha morea de obradoiros que se celebrarán nas aulas de actividades anexas aos despachos de asesoramento en cada un dos seis puntos CPAE 2.0 distribuídos ao longo de toda a provincia de Pontevedra entre os que destacan as sesións maxistrais de temática legal sobre os aspectos estratéxicos de propiedade industrial no sector TIC que será impartida por Eli Salís, director de PwC Tax & Legal Services e responsable da Axencia de Propiedade Industrial da Especialidade de Intanxibles de PwC. Estes obradoiros celébranse en todos os puntos CPAE 2.0. O martes 23 de setembro terá lugar esta sesión as 13:00 horas no CPAE 2.0 de Vigo, situado na sede da Deputación de Pontevedra na rúa Oporto, e as 19:00 horas no CPAE 2.0 de Cambados, no Centro Comarcal ExpoSalnés. Para o día seguinte están programadas dúas sesións, una en Lalín ás 13:00 horas no Edificio da UNED no Polígono Lalín 2000, e outra ás 19:00 horas no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra na Avenida Montero Ríos na cidade do Lérez. Por último impartiranse estes mesmos obradoiros o día 26 de setembro nos puntos CPAE 2.0 de Ponteareas situado no Centro de Desenvolvemento Local en Ribadetea e no de O Porriño que está situado no Multicentro do Concello en Torneiros, ás 13:00 e ás 19:00 horas respectivamente.
Outros dos obradoiros previstos están relacionados coa seguridade informática. Neste caso están programados para os días 29 e 30 do mes setembro nas aulas de actividades do CPAE 2.0 de Cambados, Pontevedra, Vigo e Lalín en horario de 13:00 a 15:00 horas nestes dous primeiros emprazamentos e de 19:00 a 21:00 horas nas seguintes.
Pódese acceder á completa programación dos obradoiros no portal www.cpae20.depo.es habilitado pola Deputación de Pontevedra. Neste mesmo portal as micro empresas e autónomos da provincia de Pontevedra poden solicitar cita previa, ademais de poder facelo a través do teléfono 886 20 20 20 ou do correo electrónico info.cpae20@depo.es.