A Deputación de Pontevedra achega cinco novos obradoiros TIC para transformar o noso negocio

luns, 17 de novembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (con inscrición previa), celebraranse do luns 17 ao venres 21 de novembro e afondarán en cuestións como o deseño na nube, as estratexias para maximizar ingresos, a planificación de proxectos ou a mercadotecnia dixital, entre outros.
Este luns 17 de novembro celebrarase o obradoiro telemático Copywriting II - Web e tendas en liña a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Lalín. As persoas participantes aprenderán a comunicar coas palabras o valor dos seus produtos ou servizos de xeito claro, natural e persuasivo. A sesión será impartida por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en comunicación corporativa, e as inscricións pódense realizar neste en liña.
O martes 18 de novembro ás 11.00 horas celebrarase o obradoiro en liña Deseño na nube: primeiros pasos con OnShape coordinado pola oficina de Barro-Meis. Esta sesión afondará na ferramenta de deseño 3D baseada na nube OnShape. Aspectos como crear unha conta, configurar un entorno e poder ver pezas sen ter que deseñar desde cero, serán explicados por Manuel Tornos, asesor na propia oficina con máis de 30 anos en novas tecnoloxías. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O mércores 19 de novembro ás 12:00 horas a oficina do Vigo organiza o obradoiro telemático Revenue Managment: estratexias intelixentes para maximizar os teus ingresos. Porase o foco en cuestións como a xestión de ingresos, unha disciplina clave en sectores como o turismo, a hostalería e os servizos, que permite optimizar os prezos, anticipar a demanda e tomar decisións estratéxicas baseadas en datos. Nesta sesión as persoas participantes descubrirán os fundamentos, as ferramentas e casos prácticos para comezar a aplicar esta técnica ao seu negocio. Un profesional de KAME Marketing será a persoa encargada de impartir o obradoiro e as inscricións pódense realizar xa en liña.
O xoves 20 de novembro tamén ás 12.00 horas desenvolverase o obradoiro en liña Organiza, planifica e programa os teus proxectos II - Coñece Notion a través da oficina de Ponteareas. Guillermo Nass, licenciado en Deseño Gráfico Publicitario con experiencia no desenvolvemento de proxectos web, afondará nesta ferramenta coa que poder estruturar de forma eficiente ideas, contido e tarefas nas redes sociais. As persoas interesadas poden inscribirse a través da Rede.
Para rematar a semana formativa, o venres 21 de novembro celebrarase o obradoiro telemático Marca a diferenza coas últimas estratexias en marketing dixital a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Pontevedra. As persoas participantes aprenderán as últimas tendencias en mercadotecnia (marketing) dixital para acadar visibilidade, conseguir máis ventas ou darse a coñecer dun xeito innovador. A sesión será impartida por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e cunha ampla experiencia en comunicación e mercadotecnia e as inscricións pódense realizar en liña.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.