A Deputación de Pontevedra achega formación en deseño de sitios web a través da Rede SmatPeme+
luns, 20 de abril do 2026
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana un novo obradoiro de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. A acción formativa, telemática e con inscrición previa, afondará nunha cuestión de grande interese para o tecido empresarial da provincia como é o deseño de sitios web ou tendas en liña desde cero.
O obradoiro Deseña a túa web profesional de forma sinxela con WordPress celebrarase este mércores 22 de abril a partir das 12.00 horas. Trátase dunha formación de carácter práctico deseñada para que as pequenas empresas e emprendedores aprendan a crear o seu propio sitio web ou tenda online desde cero utilizando a plataforma WordPress e o construtor visual Elementor dunha forma rápida, visual e sen necesidade de coñecementos de programación. Será impartido polo experto en deseño web, mercadotecnia dixital e posicionamento Guillermo Nass, con inscricións en liña dispoñibles.
A Deputación destina este ano 740.000 € á Rede SmartPeme+, un servizo que por vez primeira se coordina cos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia co obxectivo de cubrir todo o territorio da provincia. Deste xeito, desde as oficinas de Vigo, Pontevedra e Ponteareas levaranse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a emprendedores, autónomos e pemes e impartindo talleres formativos e actividades complementarias.
