A Deputación de Pontevedra achega máis de 800.000 euros á dixitalización dos concellos

venres, 27 de outubro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra achegará unha nova inxección económica de máis de 800.000 euros que servirán para modernizar os concellos da provincia, así como facer fronte ao desafío do reto demográfico no medio rural. Desta volta, como informou o presidente provincial, Luis López, en rolda de prensa, acaban de aprobarse os trámites para contratar a plataforma de vídeo-actas e retransmisión de plenos e o portal de transparencia para concellos de menos de 20.000 habitantes, así como para a instalación de illas ecolóxicas e dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais nos concellos que forman parte do proxecto Da túa man.
Por outra banda, a xunta de Goberno tamén aprobou as bases para seleccionar os participantes e os influencers que participarán no proxecto Hub para a loita contra a fenda dixital e a sociedade non desexada no medio rural. Segundo fixo saber o presidente da Deputación, “a nosa vontade é situar aos concellos como protagonistas. Estámolo facendo semana tras semana con feitos e con recursos”.
Vídeo-actas e retransmisión de plenos
Ao abeiro do proxecto de transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes, do que se benefician un total de 50 concellos da provincia e conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros de fondos europeos, a Deputación deu luz verde para contratar unha plataforma de vídeo-actas e retransmisión de plenos para 36 concellos cun orzamento base de 600.000 euros. Ademais, hai uns días aprobouse a contratación do deseño e posta en marcha dun portal de transparencia para que 26 concellos da provincia poidan dispoñer dunha ferramenta que permita incrementar a transparencia municipal e mellorar a satisfacción do contribuínte, cun orzamento de 55.000 euros.
Por outra banda, aprobouse o expediente de contratación para dúas actuacións do proxecto Da túa man (rural) para o apoio do comercio en zonas rurais, que conta cunha axuda de 500.000 euros dos fondos Next Generation. En concreto, cun orzamento de 130.000 euros contrataranse as actuacións relativas á instalación de illas ecolóxicas con contedores de lixo en Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures. Ademais tamén se instalarán dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais para o fomento da economía circular e a sustentabilidade, neste caso en Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro, cun orzamento de 50.000 euros.
O presidente da Deputación tamén informou dos avances no marco do proxecto Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra, que se está a desenvolver na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Ao abeiro do programa vaise impartir unha formación dirixida a maiores de 50 anos para capacitalos en competencias dixitais, que poidan xerar contidos audiovisuais e facilitar as súas relacións coas administracións públicas e a alfabetización dixital. O Goberno provincial, neste senso, aprobou as bases para a selección dos participantes e dos influencers que formarán parte do mesmo.

PUBLICIDADE