A Deputación de Pontevedra achega nova web de Turismo Rías Baixas, máis “útil e sinxela”

venres, 22 de xullo do 2016 Redacción

A Deputación de Pontevedra anunciou este 22 de xullo que a vindeira semana estará operativa a nova páxina de Turismo Rías Baixas, turismoriasbaixas.com, un espazo en liña elaborado con recursos propios do organismo provincial e que ten por finalidade pór en valor os moitos e variados atractivos da dita contorna xeográfica para engaiolar á meirande cantidade de turistas e, en última instancia, contribuír ao medre económico da provincia e á xeración de emprego. Na presentación da web participou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que salientou a importancia das novas tecnoloxías para promover o turismo, “dando a coñecer todas as nosas potencialidades, captar a atención das usuarios e usuarios e contribuír a que as e os turistas, dende as súas casas, poidan planificar a viaxe ao destino Rías Baixas”.
Silva tamén aproveitou para destacar os puntos novos que pon en xogo a nova páxina en relación á proposta tecnolóxica previa, á que cualificou de plataforma “inútil para a promoción turística”, con información “de difícil acceso e disuasoria”, xa que “as usuarias e usuarios entraban unha vez e non regresaban máis”. Porén, dixo, a nova páxina está plenamente adaptada aos novos tempos e é “moito máis atractiva, de doado manexo, máis útil e, tamén, está en maior medida ceibe dos problemas técnicos que existían”.
Segundo engadiu, a web presentada “proporciona ás e aos turistas unha experiencia diferente que, amais, poderán confeccionar segundo os seus gustos e necesidades”. En concreto, a plataforma de forma automatizada fornecerá experiencias únicas acorde á estación do ano e permitirá introducir a maneira na que a e o turista desexa viaxar, ben sexa sen compañía ou en parella, en grupo ou con nenas e nenos, en primavera ou verán, etc.
Silva tamén lembrou que a través desta páxina os concellos son e serán pezas fundamentais dentro da estratexia turística que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo, e terán maior protagonismo e espazo propio para a promoción dos seus recursos turísticos. “Tamén ocuparán un lugar en portada os atractivos culturais, gastronómicos e deportivos da provincia, así como as novas e a axenda de eventos”, engadiu.