A Deputación de Pontevedra achegará 68 obradoiros dixitais a 34 concellos

luns, 17 de marzo do 2025 S. P.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este luns 17 de marzo a alcaldes e alcaldesas da provincia a nova ferramenta para afrontar o Reto Demográfico que o Goberno provincial pon a disposición dos concellos máis afectados pola perda, avellentamento e dispersión da poboación. Trátase do programa +Reto Dixital, unha oferta de obradoiros para instruír á poboación de 34 concellos da provincia no uso de aplicacións móbiles coma a do SERGAS, a banca móbil ou a sede electrónica das administracións.
“A través desta primeira convocatoria desenvolveremos un total de 68 obradoiros en 34 concellos da provincia. Dous talleres por concello. É unha iniciativa social que contribúe a construír unha provincia máis accesíbel, máis cohesionada e máis xusta”, explicou o mandatario provincial nun acto no que tamén participou o deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela.
No salón de plenos do Pazo Provincial déronse cita rexedores, concelleiros e técnicos dos concellos máis pequenos da provincia, así como usuarios potenciais destes talleres para coñecer os detalles dun programa que xorde dunha experiencia piloto como foi o Hub contra a fenda dixital e a soidade non desexada que se desenvolveu con éxito na Illa de Arousa, nas Neves, en Moraña e en Forcarei.
O presidente explicou o funcionamento dun programa que pon a disposición de 34 concellos da provincia a posibilidade de programar ata dous obradoiros dun catálogo integrado por cinco cursos: Administración Electrónica; Uso da sede electrónica da Deputación e da aplicación O Meu Concello (impulsada tamén pola DEPO); SERGAS Móbil, uso da aplicación e do servizo de Teleasistencia; Uso da Banca Móbil e acceso a compras electrónicas; e Uso das Redes Sociais.
Os Concellos interesados en adherirse a este programa que conta cun orzamento de case 30.000 euros, teñen de prazo ata o 31 de marzo para enviar as súas solicitudes.
O deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, salientou a importancia de mellorar as habilidades das persoas maiores de 50 anos e menos familiarizadas coas novas tecnoloxías para que poidan desenvolverse con plenitude nas tarefas cotiás. “É unha formación necesaria para adquirir coñecementos para unha relación fluída coa Administración”, comentou o deputado e tamén alcalde dun Concello dos cualificados como do Reto Demográfico como é Cerdedo-Cotobade.