A Deputación de Pontevedra acolle desde este luns cursos de competencias dixitais para nenos e mozos

luns, 8 de xullo do 2024 S. P.

A Aula CeMIT situada no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra acolle desde este luns 9 de xullo dous cursos para formar aos nenos en competencias dixitais, unha proposta que se enmarca dentro do proxecto CRI-TIC, Infancia e Xuventude con criterio dixital da Fundación Esplai Cidadanía Comprometida, que ten como obxectivo principal favorecer a e-inclusión e a adquisición de competencias dixitais.
Os cursos, que se desenvolverán entre o este luns e o 31 de xullo, están enfocados a nenos de 9 a 11 anos, por unha banda, e de 14 a 17, polo outra, e están deseñados para ensinarlles conceptos básicos de ferramentas informáticas, usos seguro e responsábel da Internet, programación, robótica educativa, impresión 3D, ou Realidade Virtual.
Segundo explica a Deputación, cada un dos cursos, que teñen como obxectivo desenvolver habilidades como a creatividade, o pensamento crítico e o traballo en equipo a través de actividades lúdicas e participativas, consta dun total de cinco etapas, nas que o alumnado deberá superar un total de seis misións cunha duración estimada de 60 minutos.
A primeira das actividades formativas, de competencias básicas, é para nenos de 9 a 11 anos e desenvolverase de luns a venres de 11:30 a 13:30 horas. Os cativos descubrirán os beneficios das TIC, como localizar e defenderse das fake news, que é a identidade dixital e a netiqueta, así como a previr o ciberacoso, protexer os seus datos persoais e dispositivos, ou sobre bibliotecas dixitais, ferramentas de deseño e participación cidadá.
O segundo dos cursos, o que está enfocado a rapaces de 14 a 17, desenvolverase tamén de luns a venres de 9:30 a 11:30 horas e, neste caso, aprenderán sobre redes sociais e saúde mental, protección de datos persoais e privacidade, identidade, pegada dixital e netiqueta, ocio saudábel, ciberseguridade e prevención do ciberacoso, creatividade dixital e busca de emprego.

PUBLICIDADE