A Deputación de Pontevedra activa o programa +Rueiro, dotado con 1,5 millóns de euros
mércores, 23 de xullo do 2025
A Deputación de Pontevedra activou este 23 de xullo o programa +Rueiro, dotado con 1,5 millóns de euros para transformar e modernizar o padrón municipal mediante a elaboración dun censo de vivendas en 59 concellos da provincia. O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, mantivo unha xuntanza cos concellos da provincia para divulgar este novo proxecto, financiado ao 100% polos fondos NextGeneration, que, segundo dixo, “permitirá dotar a cada municipio dunha base de datos de vivendas xeolocalizadas e unificada a nivel nacional”.
Engadiu que o obxectivo é “brindar ferramentas eficaces aos concellos, adaptadas ás súas circunstancias, para facilitarlles a realización de xestións, estar máis preto da cidadanía e ofrecerlles unha resposta máis rápida” detallou o deputado quen tamén engadiu que con +Rueiro “imos crear unha plataforma de numeración dixital das vivendas, para que cada un dos concellos poida xestionar o seu rueiro e mantelo actualizado”.
Engadiu que a nova ferramenta suporá a creación dunha base de datos final de máis de 342.000 vivendas, 221.000 fogares e 570.000 persoas que se plasmará nunha plataforma cos datos de cada un dos concellos.
Apuntou tamén que +Rueiro “dá resposta a unha demanda municipal histórica, sobre todo entre os municipios máis pequenos da provincia”. E concluíu: “O seu principal obxectivo é que cada municipio dispoña dunha base de datos de vivendas, que estará ademais unificada a nivel estatal, na que cada vivenda contará cun identificador baseado na referencia catastral e que permitirá, á súa vez, xeolocalizalas”.
