A Deputación de Pontevedra amplía a 80 as empresas acompañadas nos seus viveiros de innovación

mércores, 3 de setembro do 2025 S. P.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entregou este mércores 3 de setembro a oito iniciativas empresariais emprendedoras espazos para impulsar cadanseu negocio nos viveiros de empresa cos que conta o organismo provincial nos polígonos de Barro-Meis e Lalín. A iniciativa encádrase nos obxectivos da institución provincial por “estimular o emprendemento na provincia” cedendo oficinas e naves a prezo reducido durante un ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais adicionais, e con asesoramento técnico para promover o crecemento destas empresas durante a súa fase inicial.
De mans do mandatario provincial recibiron as chaves dos seus novos espazos representantes de empresas de sectores estratéxicos para a economía da provincia. Entre os oito beneficiarios sitúanse iniciativas innovadoras no sector da construción como son Caslúa, Cotacero e a do emprendedor Alejandro González Magdalena; da enerxía limpa, como Solpor Energies; da tecnoloxía, con Tecnobelts; da cadea mar industria, con Conservas Artesanais Galegas; do turismo ligado ao deporte, con Ocio, Deporte e Servizos; e, finalmente, do comercio, con E-Exporta (asesoría en operación de comercio exterior para comercio electrónico).
Coa entrega destas naves o oficinas a oito novos emprendedores —un deles ocupará unha oficina no viveiro de Lalín, o resto instálanse en Barro Meis— confírmase a utilidade e a elevada demanda que teñen estes espazos que a Deputación pon a disposición dos emprendedores da provincia. Así, no viveiro de empresas de Barro-Meis, están ocupadas as 16 naves existentes, así como 18 das 24 oficinas dispoñibles, mentres que tamén están libres tres prazas no espazo de coworking. No caso de Lalín, están ocupadas as cinco oficinas, mentres que das tres naves ofertadas, están dúas dispoñibles así como un espazo para coworking.
En total, a Deputación xa acompañou no seu desenvolvemento e no seu impulso a 80 novas empresas.
Nestas instalacións, os cesionarios desfrutan do acompañamento de profesionais que lles son de gran axuda para resolver os desafíos que deben afrontar as empresas na súa primeira etapa. Reciben asesoramento e teñen a posibilidade de beneficiarse dos cursos de formación tecnolóxica avanzada e práctica que oferta a entidade provincial a través do programa SmartPeme+.