A Deputación de Pontevedra brinda un setembro ateigado de formación TIC para a mocidade

venres, 23 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra fará arrancar en setembro dez novos obradoiros do proxecto Millennials 2019, o plan de empregabilidade xuvenil pola vía da capacitación innovadora, creativa e tecnolóxica. Entre estas accións formativas figura a nova edición de dous cursos TIC en Pontevedra e Vigo que se están a desenvolver desde xullo, pero dos que a Deputación decidiu realizar unha nova convocatoria pola “súa gran demanda e acollida”.
Trátase dos obradoiros Márketing Dixital: Estratexias SEO, SEM, Redes Sociais e Análise de Tráfico Web, que se ofrecerá en Pontevedra do 17 de setembro ao 7 de novembro, e Creación de Contidos Dixitais (Videoxogos, Imaxe e Vídeo), que se desenvolverá en Vigo do 17 de setembro ao 18 de novembro.
As persoas interesadas poden inscribirse xa a través das contas cursoEOI.pontevedra@eoi.es e cooperacion@depo.es.
Os oito cursos restantes desenvolveranse, ademais de en Pontevedra e Vigo, en Vilagarcía e Ponteareas. No caso de Pontevedra, están previstas as accións formativas Creación e Xestión de Tendas en Liña, que terá lugar na sede da da Deputación de Pontevedra do 19 de setembro ao 18 de novembro, con 316 horas; e Xestión de Fidelización de Establecementos Turísticos, que tamén terá lugar no Centro Príncipe Felipe do 17 de setembro ao 28 de outubro, con 166 horas.
Por outra banda, Vigo acollerá tamén outras catro accións formativas, na sede da Deputación na cidade olívica. Trátase de Deseño e Prototipado Rápido mediante Impresión 3D e Mecanizado, de 316 horas e que se desenvolverá do 16 de setembro ao 18 de novembro; Creación de Aplicacións Móbiles (Aplicacións para Android e iOS), tamén de 316 horas e que será do 17 de setembro ao 18 de novembro; Organización e Xestión de Produción: Lean Manufacturing 4.0, de 312 horas entre o 16 de setembro e o 18 de novembro e, por último, Xestión de Empresas Turísticas. Deseño e Desenvolvemento de Produtos, con 166 horas repartidas entre o 16 de setembro e o 28 de outubro.
Amais, Deseño e Prototipado Rápido mediante Impresión 3D e Mecanizado é o curso programado para Matosinhos (Vilagarcía), cun total de 316 horas entre o 16 de setembro e o 15 de novembro, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa Programación Web con Software Libre (Web Development Bootcamp) do 17 de setembro ao 19 de novembro, cun total de 316 horas.
As inscricións nestes outros oito cursos poden facerse a través da web da EOI e as persoas interesadas poden obter máis información a través do enderezo electrónico coooperacion@depo.es ou no teléfono 986 804 100 (extensións 40652 e 40267).
O proxecto Millennials está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, con cursos deseñados e adaptados ás súas necesidades e ás necesidades do tecido industrial da provincia, no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil. Este proxecto enmárcase así mesmo no convenio de colaboración entre a institución provincial e a Escola de Organización Industrial.

PUBLICIDADE