A Deputación de Pontevedra combaterá a fenda dixital nos concellos do rural

venres, 13 de outubro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra aprobou en xunta de goberno tres proxectos relacionados coa conservación dos hábitats na franxa marítimo terrestre do espazo transfronteirizo entre a provincia de Pontevedra e Viana de Castelo, coa instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos en centros da Deputación e a posta en marcha dun hub para a loita contra a fenda dixital. Estes tres plans que contan co apoio económico da Unión Europea e o Goberno de España, que achegan un total de 800.000 euros, e que se complementan co investimento de 300.000 euros de fondos propios da Deputación de Pontevedra.
O proxecto biocosteiro ten como obxectivo mellorar a conservación dos hábitats litorais a través da redución da presenza de especies invasoras, promover actividades económicas locais como o turismo ou o desenvolvemento de acción de sensibilización entre escolares e a sociedade en xeral. O orzamento desta iniciativa alcanza os 750.000 euros financiados a cargo do programa de cooperación interrexional POCTEP 2021-2027. A Deputación é o beneficiario principal desde proxecto e supera os 350.000 euros, dos que este programa financia o 75 %, uns 262.500 euros.
Para a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos en centros dependentes da Deputación, o Goberno provincial recibe 290.000 euros procedentes do programa Moves III, financiado cos fondos europeos Next Generation. O investimento servirá para fomentar a mobilidade sustentable a través da instalación de dous puntos de recarga no Centro Príncipe Felipe, tres na Estacion Fitopatolóxica do Areeiro, dous dobres no Viveiro de Empresas de Barro, tres dobres e dous simples no Parque de Maquinaria, dous na Finca Mouriscade e un punto dobre no Viveiro de Empresas de Lalín.
Polo que respecta ao terceiro dos plans, o proxecto TIC, está relacionado co reto demográfico do rural, para o que se pon en marcha un hub para a loita contra a fenda dixital e a sociedade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra. O proxecto conta cun orzamento de 500.000 euros dos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aporta 280.000 euros e a Deputación os 220.000 euros restantes. A iniciativa porase en marcha cun programa piloto nos concellos de A Illa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Unha vez asinados os convenios con estes cinco concellos, o primeiro paso será a posta en marcha dunha plataforma innovadora de formación que constará de cinco fases: a posta en marcha das aulas virtuais, a posta en marcha da plataforma de formación activa e contidos dixitais, a realización dunha experiencia formativa e interna, a entrega dun libro branco de servizos dixitais e a xestión de datos a través da tecnoloxía de análise de información a gran escala (Big Data). “Queremos mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural da provincia e iso conséguese garantindo o seu acceso ás novas tecnoloxías”, sinalou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sobre a importancia desta iniciativa.

PUBLICIDADE